Concello de Ponteareas entrega os premios do I Concurso de Poesía Letras Galegas 2024

Os gañadores foron Pablo Rodríguez Represas na categoría xuvenil e Víctor Pérez Estévez na de adultos

Ponteareas | O Concello de Ponteareas entregou hoxe os premios do I Concurso de Poesía Letras Galegas 2024 convocado co obxectivo de fomentar a creación literaria en lingua galega.

O xurado, formado polo escritor Alfonso Pexegueiro; polo escritor e xornalista, Manrique Fernández, e pola técnico do departamento de Normalización Lingüística, Déborah Francisco, decidiron outorgar o primeiro premio na categoría xuvenil a Pablo Rodríguez Represas, que presentou o poema “O mar”. Na categoría adultos o primeiro premio foi para Víctor Pérez Estévez, co poema “Perdín en Ponteareas un verso”; o segundo premio a Alba Sestelo Pregal, co poema “Volvín”, e o terceiro premio a Évelin García Faro, co poema ”Vila da néboa”.

A alcaldesa, Nava Castro, felicita a todas as e os concursantes e anima a seguir participando nas distintas propostas organizadas polo Concello “porque todas e todos xuntos facemos unha vila mellor e cada actividade medra coa aportación das persoas”.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, adianta que seguirán deseñando actividades lúdico culturais que promovan a creatividade e poñan en valor as letras como arte, como estudo e como recurso de entretemento.