Concello de Ponteareas avanza na recuperación do Estadio Municipal

Tralos graves danos ocasionados polas inundacións

Ponteareas | O Estadio Municipal de Ponteareas foi a instalación municipal que máis padeceu os efectos da meteoroloxía adversa deste inverno. Tras varias inundacións dende novembro, o pasado 1 de xaneiro máis de 2 metros de altura de auga do río Tea cubriron as instalacións durante varias horas.

Dende o día seguinte, o Concello de Ponteareas centrouse en avaliar e posteriormente resolver as múltiples incidencias producidas, que principalmente consistiron na retirada dunha importante capa de materia orgánica acumulada; na limpeza de limo nos accesos, nos vestiarios, baños e cuartos; na reparación da instalación eléctrica e sistema de rego; na substitución de caldeiras; na reposición de portais, redes, mobiliario…

Segundo indica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, “nesta semana afrontamos a recta final dos traballos, realizando as reparacións máis custosas e substituíndo algúns elementos que sufriron danos irreparables.” Así mesmo, o concelleiro agradeceu “o traballo dos empregados municipais e a comprensión das persoas usuarias que conviviron coas molestias dos traballos mentres se desenvolvía a actividade na instalación”.

No caso do céspede artificial do Campo Alfredo Bautista Alconero, a riada depositou unha gran capa de limo e desprazou a manta de céspede e os recheos nunha esquina do tapete. Aínda que era posíbel o uso do terreo de xogo para os adestramentos, foi necesario realizar traballos de estirado e cepillado para poder desenvolver con normalidade os partidos federados.

Pola súa banda, o céspede natural do Campo de Pardellas foi un dos máis danados. Para o seu tratamento, o Concello contou co asesoramento técnico dunha destacada empresa de mantemento de céspede deportivo. A súa enxeñeira e coordinadora en Galicia informaba que “tralas inundacións, depositouse unha capa de limos no terreo de xogo que fai que a superficie sexa totalmente esvaradía”, o que provocou que “o estado do céspede non fora adecuado para disputar un partido garantindo a seguridade dos xogadores”.

O informe técnico destacou que “para solucionar momentaneamente estes problemas será necesario entrar con maquinaria e realizar un recebo de area de sílice dunhas 60 toneladas”. Nesta semana, a ausencia de choivas permitiu que se realizaran ditos traballos. Ata este momento, tal como indica o informe, non se daban as condicións para executalos.

“Os lodos depositados sobre o terreo de xogo tras as inundacións sufridas reduciron a capacidade de infiltración do campo, polo que tras as precipitacións, presentaba zonas de ata 3 centímetros de auga acumulada. Nestas condicións non podiamos realizar ningún dos traballos que mellorarían o terreo de xogo e tampouco mellorar as condicións para poder xogar sobre o mesmo”, sinalou a técnica.

Céspede renovado os pasados meses
Tras a seca do pasado verán, para o inicio desta temporada a concellaría de Deportes xa realizara unha serie de tratamentos que permitían contar cun céspede renovado e en boas condicións.

Cun investimento de 6.500 €, realizáronse traballos de escarificado con recollida de materia vexetal, aireado mediante pinchado macizo de 20 mm e resementeira con semente de raygrass inglés, así como un recebo con area de sílice.

Ademais, o Campo de Pardellas conta tamén dende esta temporada con novos banquiños. Con cargo ao Plan Concellos e cun investimento duns 6.000 euros, o Concello instalou dous banquiños de fila dobre de 14 prazas, que permiten que os futbolistas de reserva e o corpo técnico poidan estar ao completo resgardados durante a disputa de partidos federados, cando anteriormente só tiñan 9 prazas.