Concello de Ponteareas aclara as dúbidas urbanísticas sobre o parque en Sarmiento Rivera

Saíndo ao paso das “insinuacións gratuítas e acusacións falsas” por parte de Esquerda Unida

Ponteareas | O Concello de Ponteareas saíu ao paso das “insinuacións gratuítas e acusacións falsas” lanzadas “sen rigor nin seriedade” por parte da formación política Esquerda Unida, respecto ao parque que se está a executar na rúa Sarmiento Rivera.

Como é sabido, o Concello difundiu unha infografía ou recreación na que se observa como será o parque público así como un equipamento comercial de planta baixa situado na mesma área. Esquerda Unida acusou ao goberno municipal de ocultar “a posibilidade de que se constrúa un bloque de vivendas” de cinco plantas que non aparecen nas imaxes. Segundo esa formación política é “contraditorio que se anuncie a través de comunicados e imaxes que se construirá só un edificio comercial, mentres o PXOM permite ademais un bloque de vivendas”.

O Goberno lamenta que a organización que formula as acusacións sen rigor non se informase primeiro na Oficina de Urbanismo do Concello, ou a través do propio Goberno municipal ou asistindo á reunión aberta a toda a poboación que se celebrou hai varias semanas e nas que se aclarou especificamente o que agora cualifica de ocultación.

O Concello explica que o PXOM permite a construción dun bloque de cinco alturas nunha rúa de nova apertura na mesma área onde se sitúa o parque. O propietario dos terreos ten a obriga de executar e entregar o parque ao Concello para poder urbanizar o resto da área. A infografía reflicte o proxectado polos propietarios que é o parque público a entregar ao Concello e un equipamento comercial de planta baixa, porque os promotores renunciaron a aproveitar o resto de plantas que o PXOM lles permite.

Non se deben confundir as facultades que outorga o PXOM cunha infografía que reflicte o proxecto a executar polos propietarios dos terreos. Neste caso, a infografía reflicte o que proxectou o promotor, que decidiu crear unicamente un equipamento comercial de planta baixa e non o bloque de vivendas sobre ese equipamento. Se o proxectado fora o bloque de vivendas así se reflectiría na infografía e sería unha actuación tamén permitida pola normativa.

Para o Goberno municipal do BNG-PSOE o importante é que “esta actuación supón un novo parque sen custo para a cidadanía, activar a economía creando emprego e facer un novo urbanismo racional e equilibrado”.