Concello de Ourense acada unha subvención estatal de case 5 millóns de euros

Destinada a proxectos de mellorar da mobilidade na cidade

Ourense | O Concello de Ourense acada unha subvención estatal de case 5 millóns de euros para implementar medidas para mellorar a mobilidade na cidade. Adquisición de autobuses eléctricos, instalación de ramplas mecánicas e outras melloras de espazos peonís, e actuacións para calmar o tráfico rodado son os eixos do proxecto que o Concello presentou en setembro de 2021 á convocatoria realizada polo goberno de España con cargo aos fondos Next Generation. O proxecto recibe a subvención estatal logo de obter 82 puntos sobre 100 na avaliación.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome destacou a importancia desta achega económica para o Concello, que recibirá 4,7 millóns de euros para desenvolver estas medidas.

“É unha subvención á tecnoloxía e unha subvención tamén ao medio ambiente” e subliñou a calidade do proxecto presentado polo Concello, que obtivo 82 puntos sobre 100. “Presentouse un bo traballo, que fixo o noso coordinador xeral, Francisco Cacharro. Presentamos un gran proxecto e tivo premio”, concluíu o rexedor

Pérez Jácome lembra que este proxecto “sacouse adiante cos votos en contra de PSOE e BNG”, dado que para poder desenvolver estas medidas era preciso habilitar unha dotación orzamentaria, que o goberno municipal aprobou en pleno a través dunha cuestión de confianza na que votaron en contra ambos grupos. “Se non fose porque fixemos iso, non o teriamos conseguido. Se ao final se impuxese o criterio do PSOE e do BNG que querían frear esta cidade, hoxe non teriamos eses 5 millóns de euros”.

A concesión da subvención ao Concello de Ourense está recollida na resolución que a Secretaría Xeral de Transportes e Mobilidade fixo pública hoxe relativa ao Programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Os fondos outorgados ao Concello de Ourense suman un total de 4.753.935,00€, que dotarán de financiamento á: Adquisición de autobuses eléctricos. 2.000.000,00 €. Mellora e ampliación de zonas peonís no centro histórico e zona de influencia. 1.948.148,26 €. Actuación para calmar o tráfico rodado. 580.786,74 €. Adquisición de dispositivos de recarga de autobuses eléctricos. 225.000,00 €.