Concello de Oia implanta rede de WiFi aberto no barrio de Arrabal

Dentro do programa europeo WiFi4EU

Oia | O Concello de Oia vén de implantar unha rede WiFi municipal en varios puntos do barrio histórico do Arrabal e a súa contorna. O servizo está xa en funcionamento e permite acceder, de xeito sinxelo, seguro e gratuíto, a unha conexión a internet de banda ampla.

Esta acción enmárcase no programa europeo WiFi4EU, unha iniciativa dotada con 15.000 euros e financiada pola Unión Europea, que promove o acceso libre dos cidadáns á conectividade de banda ampla en espazos públicos coma parques, prazas, edificios oficiais, bibliotecas, centros de saúde ou museos de municipios de toda Europa.

O proxecto permitiu dotar de conectividade WiFi de banda ampla en diferentes localizacións da vía pública, concretamente na contorna do Mosteiro de Oia e distintas zonas do barrio do Arrabal. Despregáronse un total de 10 puntos de acceso WiFi de exterior que, a través da rede de nome “WiFi4EU”, ofrecen un acceso a internet de calidade aberto á veciñanza e tamén a visitantes.

Calquera persoa usuaria que se atope na área de cobertura da rede “WiFi4EU” poderá acceder de xeito seguro e gratuíto as 24 horas do día sen limitación de velocidade de navegación. No momento de conectarse por primeira vez á rede, a persoa será redirixida a unha páxina segura de inicio de sesión e, a partir de aí, poderá comezar a usar o servizo. Con esta iniciativa o Concello de Oia súmase a unha ampla rede de concellos europeos que xa ofrecen este servizo, promovendo o uso de novas plataformas e servizos dixitais innovadores, facilitando a comunicación gratuíta tanto a residentes como visitantes.