Concello de Mondariz reclama unidade política para desbloquear o acceso á EDAR de Mondariz-Balneario

Presentará unha proposta no próximo pleno municipal

Mondariz | O Goberno de Mondariz, que leva meses buscando un diálogo construtivo co Concello de Mondariz-Balneario para poder conectar un colector xeral á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que comparten ambos concellos, aproveitará a sesión plenaria prevista para o último venres deste mes (28 de maio, ás 20h) para propoñer un acordo da Corporación Municipal sobre esta e outras demandas relacionadas coa EDAR.

“A través dunha proposta da Alcaldía, solicítase que os 11 concelleiros dos diferentes grupos políticos representados na Corporación Municipal (BNG, Alternativa por Mondariz, Partido Popular, PSOE e Ciudadanos) apoien catro puntos relacionados coa situación da EDAR”

A través dunha proposta da Alcaldía, solicítase que os 11 concelleiros dos diferentes grupos políticos representados na Corporación Municipal (BNG, Alternativa por Mondariz, Partido Popular, PSOE e Ciudadanos) apoien catro puntos relacionados coa situación da EDAR: o primeiro, instar ao Concello de Mondariz-Balneario a solicitar unha revisión da autorización de vertedura até acadar a capacidade máxima da instalación; o segundo, instarlle a autorizar a conexión do colector xeral construído no ano 2015 na marxe dereita do río Tea; o terceiro, demandar a redacción urxente dun estudo técnico independente que determine a orixe das filtracións de augas limpas nas redes de saneamento dos dous concellos; e o cuarto, instar a Mondariz-Balneario a convocar unha reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración para o sostemento conxunto dos servizos de gardería infantil, punto limpo e depuración de augas residuais.

É precisamente o incumprimento deste convenio de colaboración asinado en setembro de 2005, pouco tempo antes da construción da EDAR actual, o que indigna ao Goberno de Mondariz. Segundo indica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, “no convenio de 2005, en concreto no apartado III da exposición de motivos, lese textualmente que estaba prevista unha rede de colectores que aumente considerablemente o número de veciños de Mondariz que vertan as súas augas residuais na nova depuradora”.

Esta previsión, sumada ao feito de que o proxecto construtivo da nova EDAR foi executado e financiado por Augas de Galicia en 2006 para satisfacer as necesidades dunha poboación de 6.000 habitantes, fixo que o Concello de Mondariz emprendera nos seguintes anos a construción dun colector xeral de augas residuais para 2.000 habitantes que actualmente está en desuso porque o Concello de Mondariz-Balneario non permite conectalo á EDAR.

“É incomprensible que, a día de hoxe, a EDAR soamente permita verter a 2.500 veciños e veciñas dos dous concellos, moi por debaixo da capacidade de depuración que permiten as súas características técnicas”, destaca Barros.

A calidade medioambiental do río Tea, comprometida
“Con esta proposta de acordo na sesión plenaria da Corporación Municipal queremos poñer o acento público no problema estrutural que supón o bloqueo persistente da EDAR. Este é un asunto que require unidade municipal porque vai máis alá da política de partidos. Non se trata de culpabilizar a uns e a outros polo que fixeron ou non fixeron, senón de solucionar un problema que afecta moitísimo á calidade medioambiental do río Tea en Mondariz e en Mondariz-Balneario”, comenta o concelleiro de Medio Ambiente e Deporte, Leopoldo Tato.

En Mondariz, as obsoletas mini estacións depuradoras que reciben o caudal de augas residuais correspondente ao colector construído para ser conectado á EDAR resultan insuficientes para evitar verteduras ao río Tea.

“Somos conscientes do problema medioambiental que provoca esta situación, por iso insistimos en reclamar o dereito de conexión á EDAR. Non é posible avanzar na rede de saneamento municipal se non se autoriza esta conexión”

“Somos conscientes do problema medioambiental que provoca esta situación, por iso insistimos en reclamar o dereito de conexión á EDAR. Non é posible avanzar na rede de saneamento municipal se non se autoriza esta conexión. É unha estratexia totalmente ineficaz. A proba é este mesmo colector xeral, que se fixo en 2015 para dar servizo ao centro de Mondariz e ás parroquias de Riofrío e Frades e nunca se puxo en funcionamento. As infraestruturas que non se usan se deterioran incluso máis polo paso do tempo, e iso xa o estamos observando no colector”, explica Tato.

Nos últimos anos, neste contexto de privación de acceso á EDAR por parte do veciño Concello de Mondariz-Balneario, Mondariz ten buscado solucións parciais en materia de saneamento que teñen un alcance moi limitado. Unha destas actuacións municipais é a construción de dúas depuradoras ecolóxicas nos barrios de Poñe (Mouriscados) e Da Pena (Vilasobroso), que cando estean operativas poderán dar servizo a pouco máis de 300 veciños e veciñas.

“Desde este Goberno municipal seguiremos reclamando por todas as vías posibles o cumprimento do convenio de colaboración asinado”, sentencia pola súa banda Barros.