Concello de Lugo paga un millón de euros dentro do Plan Reactiva

Aos 783 negocios beneficiarios por este plan

Lugo | O goberno municipal de Lugo concluíu nunha soa semana o pago das axudas directas, canalizadas a través da Estratexia de Recuperación Económica do Municipio, baixo o nome do Plan Reactiva. Trátase da segunda convocatoria deste tipo de achegas que o Concello de Lugo pon en marcha para apoiar ao tecido produtivo local – logo dos 5 millóns de euros habilitados no Plan Reanima – que, neste caso, ían dirixidas aos sectores máis afectados polas restricións que impuxo a pandemia.

“Así – abondou a rexedora- co seu pago dotamos de liquidez inmediata a un total de 783 persoas que durante os últimos meses estiveron obrigados ao peche temporal, parcial ou total dos seus negocios como medida preventiva para frear a evolución da Covid”. En total, a Tesourería Municipal abonou nos últimos días 1.020.000 euros a 540 autónomos e 243 empresas.

“Quero agradecer o labor realizado tanto polo persoal deste departamento como polo equipo de Desenvolvemento Local para que a tramitación e pago destas axudas fora o máis rápido posible, coa vontade de contribuír a que todas estas empresas contasen cun apoio extra para afrontar a etapa da reapertura y recuperar así, canto antes, o seu volume e nivel de actividade habitual”, destacou Lara Méndez.

O Plan Reactiva recibiu 900 solicitudes, das que 117 foron desestimadas. Aproximadamente a metade das mesmas foron rexeitadas por manter débedas tributarias coa Administración Local.

Dúas liñas de achegas directas
A Liña A, dirixida a empresas que realizan actividades económicas obrigadas ao peche temporal total, que recibirán unha axuda de 2.000 euros por beneficiario se ten 5 ou máis traballadores, e 1.500 euros se ten menos de cinco.

Nesta categoría entraban hoteis e aloxamentos similares (turísticos e outros de curta estancia, cámpings, etc.); establecementos de hostalería e restauración; empresas vinculadas coas artes escénicas e as súas auxiliares, as dedicadas á creación artística e literaria, xestión de salas de espectáculos, de actividades de museos e bibliotecas ou instalacións deportivas e ximnasios, entre outras.

E a Liña B, destinada a aquelas empresas que realizan actividades económicas afectadas por un peche temporal parcial. A contía desta liña, na que se incluían todo tipo de comercios e de axencias de viaxes, principalmente, foi de 1.000 € por beneficiario.

“Das 783 axudas concedidas, 412 se corresponden coa Liña A e 371 coa Liña B, outorgándose a un total de 540 autónomos (690.500 €) e a 243 empresas (329.500 €)”, lembrou a alcaldesa.

Lara Méndez incidiu tamén en que a asignación económica coa que contou o Plan Reactiva equivale ao 1% do Orzamento Municipal para este 2021, “como mostra do compromiso que adquirimos coa cidadanía para afrontar a superación da crise económica e social na que está a derivar a pandemia. Axudas que agora se completarán co Plan de Dinamización económica dos distintos barrios e sectores da cidade, no que investimos 1,4 millóns de euros”.

“Lara Méndez incidiu tamén en que a asignación económica coa que contou o Plan Reactiva equivale ao 1% do Orzamento Municipal para este 2021”

Así mesmo, estase a ultimar a adxudicación da Estratexia Lugo Transforma, dotada con 12 millóns de euros, a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos, atraer empresas e crear emprego sostible. Ademais, Lugo segue a dar pasos na posta en funcionamento da Mesa para a Diversificación Industrial coa que se pretende implicar a todos os sectores e axentes sociais da cidade no deseño do municipio.