Concello de Arbo recibe achega da Xunta para mellorar o acceso a O Couto

O orzamento das obras ascende a 49.995,78€

Arbo | O Concello de Arbo realizará obras de mellora de acceso ao lugar de O Couto na parroquia de Arbo. As obras contan con financiamento do 70% do investimento da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Estas obras están establecidas de acordo coa Orde de 30 de decembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras e convócanse subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados a prestación de servizos municipais, destinadas a Concellos de Galicia para o ano 2021 o 30% restante será asumido polo Concello con cargo a fondos propios.

O obxecto do contrato é a mellora do acceso dun camiño municipal no Lugar de O Couto, na parroquia de Arbo, coa mellora do seu trazado e seguridade viaria, ampliando a plataforma pavimentada.

Estado da calzada de acceso a O Couto (Arbo).

O Alcalde do concello de Arbo, Horacio Gil, insistiu en que “esta acción responde a unha demanda histórica dos veciños e veciñas do barrio de O Couto, que recolleu o equipo de goberno do Concello de Arbo e estamos a traballar para dar unha solución e o noso compromiso de rematar a remodelación completa en canto posible porque un dos nosos obxectivos é devolver aos lugares do noso municipio a importancia que nunca tiveron que perder.

As obras propostas descríbense no proxecto redactado e que serviu de base para a solicitude da subvención ante a Xunta e son a execución dunha limpeza de marxes con apertura de cunetas eliminación de raíces existentes das árbores próximas en varios puntos do trazado, demolición do firme existente, tamén se contempla a colocación de salvacunetas con tubaxe e posterior pavimentación.

Dado que o Concello de Arbo, nun futuro próximo, pretende ampliar a iluminación pública ao longo do tramo de actuación, tamén se contempla a colocación de postes novos. “Son obras que están dentro do plan que puxemos en marcha para a mellora de viais públicos do municipio”, sinala o edil Horacio Gil-.

A estes sumaranse outros aprobados e incluídos dentro do plan de melloras de viais municipais, espazos publicos e melloras en abastecemento e saneamentos para o ano 2021.

No ano 2020, o Concello de Arbo acometeu melloras no viais de Laxas, Esmoriz, Urzal, mellora do entorno de San Xoan, Area Recreativa Bouza de Miguel, melloras en lavadoiros…. entre outras.