Concello da Coruña reinstala o Monumento aos Liberais na praza das Conchiñas

En honor á memoria do movemento constitucional en 1820

A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, inaugurou a reinstalación, sete anos despois, do Monumento aos Liberais na praza das Conchiñas, nun acto ao que asistiron o autor do conxunto escultórico, José Castiñeiras, e os edís de Urbanismo e o de Memoria Histórica, Juan Díaz Villoslada e Jesús Celemín, xunto á concelleira de Barrios, Diana Sobral.

A rexedora recordou que, con esta peza, a cidade honra a memoria daquelas persoas que loitaron, poñendo en risco a súa vida, polo triunfo do movemento constitucional no século XIX: “Hoxe, 200 anos despois, aínda quedan moitas causas da liberdade polas que loitarmos; unha delas é a que procura que as mulleres non esteamos expostas á discriminación, á violencia e á morte”.

Rey lembrou tamén que, coa devolución do monumento ao barrio da Agra, o Concello responde a un movemento veciñal que viña demandando a súa reinstalación desde hai tempo por ser un emblema, en que se representa esa “determinante revolta popular do 21 de febreiro de 1820, en que a nosa cidade foi a mecha que permitiu que prendese o movemento liberal noutras cidades españolas”. Rey indicou que o monumento simboliza unha Coruña de homes e mulleres libres e loitadoras: “unha delas, Juana de Vega, aparece aquí representada xunto ao xeneral Espoz y Mina, unidos na vida e na causa liberal e unidos sempre tamén nas rúas da cidade que levan os seus nomes”.

Nesta praza “renovada con novos materiais que concordan co monumento”, Rey explicou que a peza escultórica convive no seu contexto en perfecta harmonía e que a mellora das Conchiñas se encadra dentro dunha actuación global en que o Goberno local creará máis espazos públicos para a cidadanía: “Queremos parques para as crianzas, bancos onde sentarmos, pérgolas que protexan do sol e adornen os espazos”.

A alcaldesa afirmou que “reactivamos A Coruña tamén con sendas peonís, como a que conectará este barrio con San Diego a través de rúas peonís ou con prioridade peonil, máis humanas; algunhas xa están transformadas e podemos desfrutar delas a pé e outras concretaranse pronto”.

Outros artigos