Comunicado de Xurés Celanova Plataforma contra a proliferación de macrocentrais eólicas

Vinte dúas plataformas convocan a concentración do Día das Montañas

Celanova | Estes últimos días publicáronse as declaracións favorábeis dos macro polígonos eólicos denominados Fial das Corzas, Valdepereira, Ventumelo e Treboada, que afectan aos concellos ourensáns de Vilar de Barrio, Laza, O Irixo, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa.

O rural fica en mans dos intereses das corporacións enerxéticas que contan coa complicidade da Xunta de Galiza e da maioría das administracións do Estado, nunha agresión intolerábel que busca converter o país en terra de sacrificio.

En Ourense a ameaza eólica pendura sobre o Macizo Central, sobre o Larouco, o Xurés e o Laboreiro, sobre as Montañas de Trevinca, sobre todos os nosos montes, fontes de vida, de auga, dunha paisaxe que fai parte do noso patrimonio. Non imos consentir esta desfeita.
Por iso colectivos e plataformas ourensás e de todo o país concentrarémonos este domingo día 11 ás 12 da mañá na praza Maior de Xinzo de Limia, nunha protesta nacional baixo o lema ‘Eólica Así Non’, porque non queremos abandonar o rural e temos alternativas. Loitaremos.

Estamos metidos de cheo nun novo proceso de colonización enerxética mentres que a pobreza enerxética aumenta e comarcas enteiras van camiño da desertización social e industrial. As montañas galegas son as principais vítimas da vaga eólica que estamos a vivir ao constituír os lugares preferentes polas promotoras para colocar os seus megaproxectos eólicos, ao servizo exclusivo do oligopolio eléctrico, despoxándoas prácticamente de todos os seus valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico.

Por iso convocamos á veciñanza das comarcas da Limia, de Celanova, de Allariz e Verín, de todo o rural ourensán en alerta contra a enxurrada eólica. Desde ADEGA, A Galleira, Amigas das Árbores de Ourense, Amigas das Cegoñas, Amigos da Terra, a Asociación Cultural de Montaña Arnau, a Asociación Petón do Lobo, o Club Fontefría Muíños, o Club Parapente Baltar, o CSA A Cambalhota Allariz, Ecologistas em Ação Galego-Transmontano, Ecoloxistas en Acción Ourense, o Movemento Ecoloxista da Limia, a Nova Escola Galega, a Rede do Patrimonio Rural, a Rede do Rural e as plataformas Salvemos as Montañas de Trevinca, Salvemos o Támega-ADEGA Monterrei, Stop Eólicos Chandrexa de Queixa, Stop Eólicos Xurés Celanova, Tarabelada Castro Caldelas-Amigos da Terra, e o Sindicato Labrego Galego chamamos á participación na concentración.

Durante o acto instalarase unha mesa de recollida de sinaturas contra os proxectos de macrocentrais eólicas que ameazan ás comarcas limiás e que nestes días están a exposición pública: o complexo Mistral-Tramontana no Concello de Baltar e que afecta tamén a aldeas portuguesas, e a ampliación denominada Lamas II entre Aguioncha e Pena Loba entre Calvos de Randín e Os Blancos.

Haberá concentracións en toda Galiza. Ademais de en Xinzo, a protesta estará na rúas na Baña, na Fonsagrada, nas mariñas coruñesas (encoro de Cecebre), Foz, Meira, Monterroso, Coristanco, Vimianzo, Moeche, Lugo, Mondoñedo, Becerreá, Vila de Cruces, Moaña, Pontevedra e Forcarei.

As imaxes corresponden á concentración en Laza durante a protesta contra a invasión eólica o 11 de decembro de 2021.