Compromiso institucional para garantir o uso do galego nas Forzas e Corpos de Seguridade de Galicia

Iniciativa Irmandade Xurídica Galega (IXUGA)

Santiago de Compostela | O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acolleu onte un acto de especial relevancia para a normalización da lingua galega. Por iniciativa da Irmandade Xurídica Galega (IXUGA), representantes de distintas administracións e institucións públicas subscribiron a Declaración sobre o uso das linguas oficiais nas relacións entre a cidadanía e as forzas e corpos de seguridade do Estado.

O encontro contou coa participación destacada de Dna. Aina Calvo Sastre, Secretaria de Estado de Seguridade, quen expresou o respaldo do Ministerio do Interior a unha iniciativa dirixida a garantir o exercicio efectivo dos dereitos lingüísticos da cidadanía nas súas relacións cos corpos policiais.

A declaración foi asinada por D. Pedro Blanco Lobeiras, Delegado do Goberno en Galicia; D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Dna. Carmen Eiró Bouza, Fiscala Superior de Galicia; Dna. María Barral Varela, Vicepresidenta Executiva da FEGAMP, por delegación de D. Alberto Varela Paz, Presidente da FEGAMP; e D. Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Irmandade Xurídica Galega.

O documento reforza o dereito das persoas a empregar o galego nas súas relacións coa Policía Nacional, a Garda Civil e os demais corpos de seguridade presentes en Galicia. Entre os compromisos asumidos figuran a atención oral e escrita na lingua elixida pola cidadanía, a incorporación do galego aos actos oficiais e aos procedementos administrativos, o seu emprego nos informes da Policía Científica, a adaptación dos programas informáticos e a formación lingüística do persoal.

Durante o acto anunciouse tamén que continúan desenvolvéndose coa maior dilixencia os traballos para garantir que o programa Atenea, o novo sistema de xestión procesual do Ministerio de Xustiza, estea dispoñible en galego. A súa adaptación permitirá avanzar cara a unha Administración de Xustiza plenamente bilingüe e facilitará que os profesionais poidan empregar con normalidade a lingua galega no seu traballo cotiá.

Ao encontro asistiron máis de oitenta persoas, entre as que se atopaban o Comisario Xefe da Policía Nacional en Galicia, o Decano do Colexio da Avogacía de Lugo, a Presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, a Alcaldesa de Santiago de Compostela, alcaldes e alcaldesas de diversos concellos, responsables das forzas e corpos de seguridade do Estado en Galicia, maxistrados e maxistradas, avogados e avogadas, membros da Irmandade Xurídica Galega e público en xeral.

A ampla representación institucional, xurídica, municipal e policial reunida onte en Compostela deixou constancia dun acordo de gran valor simbólico e práctico, orientado a garantir a presenza normal do galego no trato directo coa cidadanía, nos procedementos oficiais e no funcionamento das institucións públicas, fortalecendo os dereitos lingüísticos e o prestixio social da nosa lingua.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.