Comezan as obras do Centro Cívico de Ponteareas

Cofinanciada con fondos europeos do programa EDUSI

Ponteareas | O Concello de Ponteareas iniciou esta semana as obras do futuro Centro Cívico da localidade, que se situará nun edificio histórico situado na Praza Maior. As obras que xa se están a executar consisten na rehabilitación integral de todo o inmóbel, de tres plantas e con máis de 900 m2 de superficie.

O prazo de execución das obras é de seis meses e o investimento acada case 1 millón de euros, concretamente 956.941 euros, financiado ao 80% polo FEDER, a través da Estratexia EDUSI ‘Ponteareas Hábital Saudábel’, e nun 20% polo Concello a través da súa asignación no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Para poder dotar ao centro urbano dun Centro Cívico o goberno municipal do BNG-PSOE acordou no ano 2020 mercar o edificio cun investimento de 250.000 euros asumidos ao 100% con fondos propios, “nun exemplo da boa saúde económica da que goza o noso Concello”, como sinalou a alcaldesa, Cristina Fernández, quen xunto ao primeiro e segunda tenente de alcaldesa, Roberto Mera e Chus Garrote; ao concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil; e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, visitou as obras.

Cristina Fernández salientou que a diferenza da maioría das parroquias que contan cun Centro Cultural, a vila carecía dun espazo desas características fundamental para a dinamización social e cultural. A alcaldesa afirmou que “con esta actuación o centro urbano contará por primeira vez cun espazo para exposicións, cursos e actividades culturais ou de ocio, servizos públicos e reunións veciñais ou de colectivos, nunhas instalacións modélicas e a través da recuperación e rehabilitación dun edificio histórico”.

Pola súa banda, Chus Garrote explicou que “a creación do Centro Cívico xunto co novo Centro de Dinamización Empresarial a piques de rematarse no edificio da Seguridade Social, pretenden revitalizar a zona antiga de Ponteareas, na mesma liña que a Área de Rehabilitación Integral que aprobamos e que axudará á veciñanza a rehabilitar e mellorar as súas vivendas nesta zona”.

Unha revitalización que, como sinalou a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “permitirá tamén dar pulo á dinamización económica do centro urbano, converténdoo tamén nun punto forte do desenvolvemento económico e social de Ponteareas”.

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, engadiu que “o Centro Cívico será un espazo activo, flexíbel e de amplo horario no que a mocidade poderá desfrutar das súas instalacións e actividades e desenvolver as súas propias iniciativas como teñen demandado”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, destacou “o papel inclusivo deste novo espazo no que non só terán tamén cabida actividades sociais, senón tamén servizos municipais como o de atención temperá, que conta cunha gran demanda por parte da veciñanza”.