Colectivo Rexurdir Podemos Galicia sae en defensa da sanidade pública

Apoia o comunicado da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública contra a privatizacion do sistema sanitario galego

Santiago de Compostela | Desde o Colectivo Rexurdir Podemos Galicia unímonos e apoiamos o comunicado que a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública ven de publicar, polo cal deixa en evidencia o continuo avance na privatización do sistema público sanitario de Galiza por parte do PP.

Tócalle agora o turno á Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE), un dereito fundamental das mulleres que o PP non defende: Nin o fixo Fraga (opoñéndose á primeira lei do aborto), nin o fixo Trillo (antepoñendo un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a lei e que perdeu), nin o fixo Gallardón (o cal pretendía recortar o dereito de maneira significativa), nin Feijóo (ao non consideralo como un dereito fundamental da muller), e agora tampouco o fai Rueda, privando ás mulleres do dereito para abortar na sanidade pública.

O goberno do PP escúsase tras a obxección de conciencia dos profesionais (do cal non existe Rexistro en Galiza aínda sendo obrigatorio por lei) para vulnerar un dos dereitos fundamentais das mulleres, nun proceso de alta vulnerabilidade, marxinándoas e expulsándoas do sistema público sanitario de Galiza.

Unha vez máis a Consellería de Sanidade deixa en evidencia a súa incapacidade de xestión organizativa e afán privatizador do Sistema Público de Saúde de Galiza, volvendo a botar man de contratos con empresas privadas de millóns de euros en vez de invertir esos cartos públicos (pagados cos nosos impostos) en reforzar con persoal a sanidade Pública, sen importarlle nin o máis mínimo atentar contra un dereito fundamental das mulleres e/ou deixar sen atención pública ás persoas máis vulnerables.