Charla informativa do PsdeG-PSOE de Salceda sobre o PXOM

Salceda de Caselas / PSdeG-PSOE | A Casa da Cultura de Salceda de Caselas, acolleu o pasado venres 30 unha charla informativa sobre como elaborar e aprobar un Plan Xeral coa participación cidadá.
Este acto levado a cabo polos socialistas contou coa presenza de Marina Cabaleiro, portavoz socialista no concello, Verónica Tourón candidata á Alcaldía e Mauricio Ruiz Ceniceros, avogado e profesor asociado da Universidade de Vigo.
Mauricio Ruiz, concelleiro no Concello de Vigo entre os anos 2003 e 2007, xa participou daquela na elaboración do Plan Xeral de Vigo, explicou ó público presente as distintas formas de incluír a participación da cidadanía na elaboración do Plan Xeral.
“Os socialistas de Salceda queremos un Avance Informativo do PXOM, queremos que os veciños e veciñas sexan partícipes dende o primeiro momento. Que sexan coñecedores e que aporten ideas que se poidan plasmar no Plan Xeral. O primeiro Plan Xeral que vai ter Salceda é unha oportunidade para comezar a facer as cousas ben, non a perdamos”, palabras de Verónica Tourón na súa exposición.
Marina Cabaleiro, portavoz socialista no concello e actual secretaria de organización, lembrou ós presentes o seu abandono na comisión informativa do PXOM, e tamén expuxo os motivos polo cal o fixo, volvendo a incidir que un Plan Xeral é cousa de todos, non é algo que se poida aprobar en tres tardes sen contar con ninguén.
En palabras de Mauricio Ruiz “Non só é legal senón que é recomendable facer un avance do Plan Xeral. Son os cidadáns e os concelleiros os que deciden, non as empresas redactoras”.
Moitos dos presentes que se achegaron ó acto, aproveitaron a ocasión para resolver dúbidas co invitado, xa que é considerado un amplo coñecedor de temas urbanísticos.