Charla informativa do BNG Mos sobre a nova Lei de Montes

Este 24 de abril, coa deputada nacionalista María González Albert

Mos/BNG| O BNG de Mos organiza este sábado, 24 de abril, unha charla informativa baixo o título “A defensa do monte galego fronte á nova Lei de Montes”. A deputada María González Albert, portavoz do grupo parlamentar nacionalista na área de Montes, será a encargada de explicar as implicacións para o sector da nova normativa impulsada dende Xunta de Galiza e a posición ao respecto do BNG, que votou en contra da súa aprobación no Parlamento Galego o pasado mes de febreiro.

O acto terá lugar ás 11:00 horas no auditorio do Pazo de Mos e será de carácter semipresencial. O aforo estará limitado para garantir o cumprimento das restricións sanitarias en vigor e só será posible acceder á sala con invitación previa. O Consello Local do BNG remitiu convite ás xuntas directivas de todas as Comunidades de Montes do concello e a algunhas de localidades veciñas, pero a charla será retransmitida en aberto para o público en xeral e poderá seguirse en directo a través do perfil de Facebook do BNG de Mos.