Chandrexa de Queixa (Ourense) remodelará catro inmobles deshabitados

Co apoio do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Francisco Rodríguez e Ángeles Vázquez abordaron varios temas de interese para o municipio.

Chandrexa de Queixa | A Xunta de Galicia animou ao Concello de Chandrexa de Queixa a acollerse este ano a algunha das liñas de axudas e programas que ofrece o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ás entidades locais co fin de apoialos na execución de proxectos de rehabilitación para usos residenciais.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor ourensán, Francisco Rodríguez, con quen mantivo unha reunión para falar de diversos proxectos de interese para o municipio.

En materia de vivenda, concretamente, o alcalde explicoulle que o goberno local ten catro vivendas na aldea Villaceleiros. Estes inmobles están actualmente deshabitados e presentan algúns desperfectos tanto no interior como no exterior, polo que a intención municipal é acometer obras de remodelación e acondicionamento que permitan darlles un novo uso.

Explicoulle á conselleira que para adecuar os catro inmobles ás necesidades dos seus posibles futuros usuarios, será necesario acometer unha nova instalación eléctrica e dotalas de sistema de calefacción e conexión a internet, entre outros traballos de reparación, limpeza e pintura tanto na fachada como no interior.

Tras coñecer os plans municipais, Ángeles Vázquez explicoulle que esta actuación encaixa nos obxectivos do programa de axudas para rehabilitación de vivendas de titularidade municipal con destino a alugueiro social, que o IGVS convocará nas vindeiras semanas cunha dotación de algo máis de 2 millóns de euros.

Indicou que o Concello de Chandrexa de Queixa podería optar a unha axuda de ata 40.000 euros por vivenda recuperada e que esta sería compatible co Fondo de cooperación cos concellos de menos de 50.000 habitantes para actuacións de rehabilitación, un programa que lles facilita o acceso a préstamos sen xuros para garantirlles o financiamento necesario co que poder executar este tipo de intervencións.