Certame celtibérico de bandas de gaitas en Quiroga

A partir do 16 de abril

Quiroga | O Concello de Quiroga informou dos actos previstos para a edición número 40 da feira, que contará con varios actos previos. O 1 de abril inaugurarase unha exposición de pintura e o 9 desfilará a Confraría do Viño de Quiroga antes da actuación do grupo de gaitas O Recanto.

Do 6 ao 15 de abril terá lugar o tradicional concurso de tapas e o mesmo día 15 haberá unha cata de viños e o concerto do grupo Bafana Bafana, na Rúa Real.

A feira empezará o 16 de abril co certame celtibérico de bandas de gaitas ás 11.30 horas. O recinto feiral inaugurarase ás 11.45 horas e ás 18.00 horas tocará de novo o grupo O Recanto.

O pregón, a cargo do actor Iván Sánchez, será ás 20.30 horas. Ás 21.00 horas entregaranse os premios do concurso de camisetas Feira do Viño 2022, previo á actuación do Grupo Atenas.

O domingo 17 de abril será a alborada e animación por parte de O Recanto e para as 12.30 está prevista a recepción de autoridades na casa do Concello. Ás 12.45 horas, os adegueiros participarán na entrega de trofeos.

Ás 17.00 horas do domingo empezará o espectáculo de animación infantil e familiar Rufina e Benito, na Rúa Real, e o último acto programado iniciarase ás 18.00 horas. Entón actuará a charanga Louband, no mesmo recinto da feira.