Celebración da 15ª edición de Voces Femeninas en Ourense

Será o 24 de novembro con Naima Bock, Maria Rodés e Marta Knight

Ourense | O Teatro Principal de Ourense acollerá o xoves 24 de novembro a partir das 20 horas a celebración de Voces Femeninas 2022, ciclo de música co que colabora a Deputación e que na súa 15ª edición conta cun cartel composto polas artistas Naima Bock, Maria Rodés e Marta Knight.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou na presentación do festival acompañado polos promotores Edu Romero -Coconut Producciones- e David Pedrouzo -Todomedre Produccións-, xunto á directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

César Fernández celebrou a consolidación dun festival que é “unha referencia na visibilización da muller na industria musical”, enmarcando esta colaboración da Deputación dentro da “fonda aposta pola dinamización cultural”.

Nesta mesma liña expresouse Olga Mojón, que valorou a importancia deste tipo de iniciativas para a “sensibilización e a loita contra a violencia do xénero” antes de agradecer o traballo dos promotores para “seguir construíndo un Voces Femeninas que é referente”.

Pola súa banda, Edu Romero e David Pedrouzo agradeceron o respaldo da Deputación de Ourense por este ciclo de música, “un festival que combina a aposta polo talento emerxente con artistas consolidadas” .

Naima Bock
Sobre as artistas que participarán nesta 15ª edición, os organizadores resaltan a importancia de Naima Bock, artista nada en Glastonbury, de pai brasileiro e nai grecobritánica, e que pasou a súa primeira infancia en Brasil, exposta á música de artistas como Baden Powell ou Chico Buarque, que deixaron unha importante pegada na súa música.

Aos 7 anos mudouse a sur de Londres coa súa familia, asistindo na súa adolescencia a concertos no mítico Windmill Brixton, unha das salas de referencia da capital británica. Aos quince anos formou a súa primeira banda, Goat Girl, e despois de seis anos percorrendo o mundo, Naima Bock “sentiu que era o momento de empezar o seu proxecto en solitario”. O seu álbum debut, “Giant Palm”, foi publicado este ano polo mítico selo estadounidense Sub Pop.

Maria Rodés
Maria Rodés é sen dúbida una das artistas máis interesantes e inquietas do panorama español. “Os seus oito discos testemuñan a capacidade desta barcelonesa de desenvolver unha carreira única”, recalcan os organizadores de Voces Femeninas.

Acompañada por Isabelle Laudenbach a barcelonesa, “regalounos un dos momentos máis bonitos do festival, coa súa marabillosa homenaxe a Cecilia”, segundo resaltan dende a organización.

Acaba de publicar “Fuimos los dos” (Elefant Records), a súa particular versión do disco de ruptura, “que se anuncia como o seu traballo máis íntimo, combinando a canción de autor, o folclore latinoamericano e a experimentación sonora para expresar a súa visión sobre o final das relacións amorosas”.

Marta Knight
A pesar da súa mocidade, Marta Knight percorreu un bo número de escenarios cativando a crítica e público e aos seus 23 anos xa se está forxando un nome na escena independente. O seu indie rock e folk e a súa habilidade para compoñer melodías valéronlle comparacións con algúns dos seus artistas favoritos, como Sharon Van Etten, Nick Drake ou Lana del Rey.

Despois dun EP (“Peterloo Heroes”) e un par de singles, neste 2022 publicou o seu primeiro álbum de estudo, “Strange Times Forever” (A Castanya, 2022), de son contemporáneo e luminoso, producido por Ferrán Palau e Pau Riutort.