Catalina González, candidata socialista á Alcaldía de Castrelo de Miño

Asistíu ao acto o secretario xeral do PSdeG Valentín González Formoso

Castrelo de Miño | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar a súa candidatura en Castrelo de Miño de cara aos vindeiros comicios electorais que se celebrarán o 28 de maio. Catalina González Álvarez encabezará unha lista socialista que aglutina “experiencia, ilusión e a forza da mocidade”, unha combinación “clave” para gobernar un municipio que en palabras dos e das socialistas “precisa dun goberno forte, estable e progresista, que loite día a día por defender os intereses da veciñanza”.

O acto celebrado no albergue do náutico de Castrelo de Miño contou coa presencia do secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafael Rodríguez Villarino; do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso; así como doutros cargos do partido na provincia e comarca, e de dúcias de militantes e veciños que non quixeron perderse a presentación da candidatura do PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño.

A actual voceira socialista e candidata novamente á alcaldía de Castrelo, Catalina González Álvarez, subliñou durante a súa intervención que “hoxe é un día moi importante para Castrelo de Miño” e apuntou que se sentía “emocionada e ilusionada, pero sobre todo afortunada, por poder encabezar un proxecto de presente e de futuro para o meu municipio e para todos e todas vós”. A candidata do PSdeG-PSOE tamén destacou que “é unha gran honra defender, xunto con esta equipa, unha determinada maneira de facer política, esa na que as conviccións e os intereses da veciñanza, están por riba dos mercadeos para intereses propios”.

González Álvarez afirmou que “os e as que estamos aquí, non nos vendemos no seu momento, nin o imos facer nunca, porque hai cousas, que a pesares de que son moi prezadas, non teñen prezo, e a lealdade a todos e todas as veciñas de Castrelo, aos que nos voten, e aos que non, é unha delas”. Neste senso, a candidata socialista fixo fincapé en que “Castrelo é o único prioritario, así como a xente que forma parte do noso concello, os que viven aquí e fan vida aquí, porque para sentir este pobo e gobernar para tentar por solucións aos seus problemas, non é suficiente con estar aquí unhas horas ao día, como aconteceu estes últimos 3 anos”.

“Non podemos perder de vista que o noso concello ten innumerables riquezas paisaxísticas, etnográficas, culturais, de biodiversidade e de riqueza humana”, explicou Catalina González, antes de sinalar que “o noso propósito vai ser a potenciación desas riquezas existentes, así como centrar todos os nosos esforzos en frear o despoboamento, e converter Castrelo nun concello atractivo para que as familias se instalen”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que a “resiliencia, a valía e o empuxe de Catalina González levará ao PSdeG-PSOE a gobernar en Castrelo de Miño por primeira vez na historia”. O líder dos socialistas ourensáns tamén aproveitou para sinalar que a veciñanza do municipio “conta cun PSOE forte, compacto e unido” e cunha cabeza de lista con “experiencia, forza, ilusión e esperanza para demostrar que en Castrelo de Miño hai futuro”.

Villarino finalizou afirmando que “Catalina e o seu equipo son a imaxe do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, onde berran alto e claro que neste concello e na provincia de Ourense hai futuro, o futuro que precisamos para mudar a deriva dun territorio que ten o alcance da man un tempo mellor o tempo da alternancia democrática, do avance e da xustiza social real”. O secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, destacou a “coraxe” de Catalina González, “unha muller preparada, valente e moi traballadora”, o cal pode comprobar de primeira man na dirección galega da que González forma parte. Puxo en valor a súa “ética persoal” logo do acontecido na moción de censura do ano 2020 que levou aos populares ao goberno local.

Esa “integridade e compromiso” que demostrou a candidata socialista, é para Formoso o mellor aval que pode ofrecer aos seus veciños e veciñas, polo que está seguro de que o recoñecemento aos seus valores se verá reflexado nas urnas o vindeiro 28 de maio. Apuntou tamén que Castrelo de Miño precisa un cambio que lle devolva á estabilidade e co que se rematen as actividades “caciquís” do alcalde e a Deputación de Baltar.