Carmela Silva destacou o peso do Atlántico como “unión de dous mundos” con motivo do Día da Hispanidade 2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra foi a oradora desta celebración en Baiona

Baiona | A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi a encargada de realizar o discurso con motivo do Día da Hispanidade 2022 este 12 de outubro en Baiona.
A continuación o discurso completo de Carmela Silva:

Representantes do corpo consular en Galicia,

Reitor da Universidade de Vigo,

Autoridades da administración estatal e autonómica,

Estimado Alcalde de Baiona, Carlos Gómez,

Alcalde de Nigrán, Juan González,

Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira

Autoridades civís e mandos militares,

Amigas e amigos que nos acompañades,

Boas tardes e benvidas e benvidos a este acto da Hispanidade nunha data, este 12 de outubro, que non debe ter outra misión máis importante que a de poñer en valor que o Atlántico, lonxe de separarnos, é o grande nexo de unión para os pobos de ámbalas súas dúas beiras.

Detéñome nisto porque do acontecido nun día como o de hoxe, de 1492, cando chegou a noticia de que o mundo era moito máis grande, que había un continente do que non sabíamos nada, habitado con persoas como nós, coa súa cultura, as súas tradicións, as súas crenzas, e o seu orgullo, o que temos que celebrar hoxe por enriba de todo é a riqueza que todo elo nos ten aportado a todas e a todos ao longo dos últimos cinco séculos.

Riquezas non de ouro e brillantes, como algúns cobizaron, senón riquezas de coñecemento, de linguas, de culturas, de ideas, de enxeñarías, de agricultura, de astronomía, de lendas, de paisaxes inigualables, e dunha diversidade que aínda hoxe sigue asombrándonos.

Hoxe tamén debemos poñer o aceno nos feitos enormemente positivos que o coñecemento do novo mundo trouxo consigo. Falamos do encontro entre continentes dun e doutro lado do océano e da construción ao longo dos anos duns fortes lazos de unión, solidariedade, amor e irmandade que hoxe son poderosos pero que aínda poden e deben selo máis.

Por iso, neste Día da Hispanidade que levamos 21 anos celebrando conxuntamente o concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra temos moito que festexar: a multiculturalidade, a diversidade, a fraternidade, a procura do interese común, a comprensión mutua e os valores que queremos defender en pro da mellora da vida da nosa xente.

E temos que facelo máis que nunca. Vivimos no mundo momentos críticos, moi complicados, no que auxe dos populismos, a guerra de Putin contra Ucraína, a forte inflación ou a crise enerxética e económica, están a xerar vulnerabilidades moi grandes non soamente en España ou en Europa senón en todo o conxunto do planeta.

Non é fácil atopar o camiño correcto, saber cal é o mellor camiño para saír dunha situación que afecta a todo o mundo, que pon en perigo todo o que coñecemos ate agora. Acabamos de saír dunha pandemia global, como global é a fortísima crise que agora nos toca vivir. Non hai receitas milagrosas, e ninguén ten unha pócima máxica que arranxe dun simple golpe a complexidade do momento que sufrimos.

A sociedade está a pasalo mal, a xente está preocupada, son tempos de incerteza, e o medo tenta abrirse paso alimentado tamén por aqueles que sempre existiron, os que aproveitan tempos difíciles para sementar o ruído que embrutece e revolve aínda máis unha situación tan complexa.

E si. A desinformación, os bulos, a sobreinformación que enturba todo está moi presente. Vémolo todos os días e temos que unirnos e poñer freo a tanto desmán. Porque o medo, do que viven algúns, nunca motiva, nunca engrandece, nunca axuda a que a xente saque o mellor de se mesma. O medo inhabilita, paraliza, bloquea, fainos pequenas e pequenos e non axuda a saír de onde estamos.

Aquí estamos representadas moitas administracións públicas, moitos e moitas representantes políticas e temos que ter honestidade ao falar coa xente e dicirlles a verdade. Que si, que a situación é moi complexa, pero que aquí estamos, facendo un chamamento á POLÍTICA con maiúsculas, porque só é política de verdade cando cumpre co seu obxectivo que non é outro que mellorar a vida das persoas.

Temos que falar e gobernar para todas e para todos pero sobre todo neste momentos temos que facelo para a xente que ten dificultades para chegar a fin de mes, para as persoas que están en risco de pobreza, para as que temen perder o seu traballo, para as persoas maiores, as pensionistas, para as persoas dependentes, para as que non cobran un salario digno, para esa xeración que leva xa ás súas costas dúas graves crises económicas. E temos que darlles esperanza e sobre todo darlle compromiso. Un compromiso que pase por deixar a ninguén atrás.

Temos que seguir collendo forzas, xuntas e xuntos, hoxe máis ca nunca, para continuar traballando arreo garantindo os dereitos humanos en España, en Europa, en América e no conxunto do planeta.

Temos que poñer no centro de todas as políticas públicas ás persoas, garantindo que vivan con todos os dereitos, en paz e cunha vida digna. Este é o momento de pensar na xente e nos seus dereitos. Por iso, temos máis ca nunca que facer fronte a esta situación con políticas fortemente sociais e redobrando os investimentos públicos coa mirada posta na cohesión social e territorial.

Políticas para un escudo social que deixe claro que as persoas deben situarse no centro de todo e que é preciso seguir camiñando cara un novo modelo de Estado no que a cohesión, a igualdade, a transición ecolóxica e a transformación dixital sexan os seus grandes eixos políticos que permitan, amais, impulsar o desenvolvemento da nosa sociedade.

E hoxe, nunha data de concordia, de celebración do que nos une entre dúas terras tan diferentes e tan iguais como América e Europa, como América e Galicia, a mensaxe non pode ser outra que a da unidade.

“E hoxe, nunha data de concordia, de celebración do que nos une entre dúas terras tan diferentes e tan iguais como América e Europa, como América e Galicia, a mensaxe non pode ser outra que a da unidade”

Hoxe que festexamos a multiculturalidade, a solidariedade, a concordia, a sororidade e a suma de sinerxías, temos que crear pontes que sigan unindo a Europa e a América nunha decisión clara de defender a paz, a xustiza, a igualdade e a liberdade

Hoxe debemos conxurarnos no compromiso de que imos saír adiante, xuntas e xuntos, como fixemos noutras situacións tan duras como esta, e que o imos facer unidas e unidos, con optimismo, con xenerosidade, con esperanza, sumando esforzos para poder trazar o camiño do futuro e construír un mundo máis resiliente, onde as persoas sexan o centro de todo e ninguén quede xamais atrás.

As persoas no centro sempre, porque nunca nos perdoarían o contrario. E desde a unidade. Xa dicía Eduardo Galeano que “ogallá poidamos ter a valentía de arriscarnos a estar xuntas e xuntos”

Moitas grazas