Cara aos Idus de Maio, Totus Revolutum.

Aquí estou diante dunha pantalla dun ordenador tratando de construir un relato para vostedes, queridos lectores e teño a mente en branco. Mellor dito, teño a mente tan atascada, tan revolutum que é coma se estivera en branco porque non sei a que botar man de tantos temas, tantas miserias, tantas barbaridades como se me acumulan na mente.

Estamos en ano electoral e a/os  candidata/os  teñen que cuidarse dos idus de maio. Nos idus de marzo asasinaron a Julio César, no ano 44 a.C. Claro que os que pretenden vivir da política non fan moito caso a estes augurios; unha porque non cren e outros porque nin se molestan a saber que coña é esa dos idus de marzo, ou de maio. Os profesionais da política teñen outras cousas máis importantes en que ocupar a súa “lúcida mente”.

Nós, humildes e sacrificados votantes, acudimos ao berce electoral soñando que de aí saia un novo “mesías” pero, nesta ocasión ímolo ter duro. Duro porque a batalla xa está planificada: todos contra o pérfido Presidente do Goberno a quen non se lle ocorreu outra cousa mellor que pretender gobernar o Estado Español (ou sexa España) cando a quen lle correspondía era a un calquera dos políticos da trama Gurtel, dos papeles de Panamá ou da Operacion Kitchen; eses homes e mulleres que xa naceron para gobernar. Os demais, ou sexa nós, humildes e atrevidos pecadores, só podemos aspirar a saír ao campo xogar, pero tendo ben en conta que o árbitro está comprado; os  xuíces de línea son birollos e ven ao revés, os afeccionados por moito que berren ninguén os escoita e así un día e outro tamén.

Como se vai gañar un partido neste tipo de campos? Imposible. Pero non nos enganemos, xa nolo están a dicir, van arrasar. Así, de claro e de sinxelo. Dinnos que non menten; as cartas quirománticas así llelo din. Van gobernar e con maioría absoluta. Aquí preséntase unha cuestión non baldía. Teñen tan embarrado o terreo de xogo que, ou se fan cunha maioría absoluta, como auguran,  ou non gobernan, porque os demais equipos e xogadores non están polo labor de sacárllelas castañas do lume.

Estamos en febreiro pero é como se xa estiveramos en maio a punto de meter a papeleta nas urnas. Isto vai ser unha carreira contra o reloxo que  si, este   vai marcar as horas non coma aquel da cantiga ao que lle pedíamos non as marcara porque o noso amor se ía e nós quedabamos  orfos de tenrura, de caricias e de amor. Aquí, nos idus de maio non vai pasar iso. En maio imos comprobar como o mundo  xira, pero non como algúns ; como as constelacións se confabulan para que todo cambie e que nada cambie, como dixera Lampedusa.

“Estamos en febreiro pero é como se xa estiveramos en maio a punto de meter a papeleta nas urnas”

Comezou o desembarco de Normandía a nivel local e autonómico na maioría das Comunidades (agás Galicia, País Vasco e Cataluña que teñen bula); estas xogan noutra liga aínda que tamén sofren  a arbitraxe de árbitros comprados. Cada partido ou opción política está a recadar do corpus politicus as mellores ferramentas das que dispoñen. Uns tratando de consolidar o que teñen gaño, aínda que exista quen considere que o teñen pouco menos que roubado; chámanlles ocupas do Poder, que manda truco, verdade?

Outros botan man dos veteranos que naceron cunha papeleta baixo do brazo. Son os de sempre; os patriotas, os capaces de sacarnos de apuros, os serios, os que deben gobernar, vaia. E teñen parroquia, non vaia Vdes. dubidalo. Din que lle van traer unha ponte nova aínda que non teñan río; é igual, se se propoñen tamén lle traen o río, e o populacho aplaude a rabiar. Non lle pregunten por que pois meterianos nun apuro. Eles aplauden que é o que manda o guión; quen escribiu o guión nin se pregunta.

Por estas terras da Galicia Sur  as cousas tamén andas revoltas. Uns din que van consolidar o que teñen gaño; outros aseguran que desta vez serán quen de apagar as luces de Abel Caballero. Caseque nada!! Van ter que soprar forte porque o vigués está dun subido importante. Os votantes do común, que diría o Beiras, á expectativa. Cada quen arrimando a brasa á súa sardiña e rezando aos deuses do Olimpo para quedar, polo menos, como están. A nós, só nos quedan pedir que “a quen Deus lla dea, Sampedro lla bendiga”. Ollo, non estamos falando de Sampedro, político local, alomenos ata maio; ese bastante ten dabondo coa que lle está a caer. Esperemos que dispoña de paraugas suficientes para non se enchoupar demasiado.

 

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»