Campaña de implantación de microchip para cans en Mos

Prevención do abandoo e perda de mascotas

Mos | Tras o éxito da primeira, Mos emprende a segunda campaña de prevención do abandoo e/ou perda de cans mediante a subvención do microchip obrigatorio.

O concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informou hoxe de que o vindeiro 18 de abril abrirase o prazo para solicitar esta axuda municipal. Prazo que rematará o 31 de maio.

A campaña preventiva consiste na subvención por parte do Concello da meirande parte do custe da implantación do dispositivo nos cans beneficiarios da mesma. Tendo os seus donos que asumir únicamente o pago de 10 euros por mascota.

As persoas interesadas en optar a esta axuda poderán solicitalo desde o 18 de abril ata o 31 de maio presencialmente no Rexistro Xeral, sito na Casa Consistorial mosense, en horario de 9 a 14h de luns a venres, ou telemáticamente a través da Sede Electrónica do Concello de Mos.

O procedemento de contratación da clínica veterinaria adxudicataria do servizo xa se atopa rematado. Os microchips serán instalados en Canis Porriño.

Os obxectivos fundamentais desta campaña son evitar os abandoos e facilitar a localización dos donos en caso de extravío.

O ano pasado poñíase en marcha a primeira fase desta campaña municipal de fomento da implantación do microchip entre as mascotas das familias do municipio.

Ademais de ser o microchip obrigatorio, esta campaña púxose en marcha porque desde a concellería que dirixe Costas e desde o Servizo Municipal de Emerxencias, detectouse que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen chip, polo que se complica a tarefa de atopar aos seus donos para poder devolvelos aos seus fogares.

“A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandoo de animais domésticos” explica o edil de Medio Ambiente.

A concesión das axudas farase por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal.

O procedemento de colocación dos microchips comezará de xeito inminente tras o prazo de inscrición e prevese que durante o vindeiro verán quede finalizado.

Desde o Concello de Mos preténdese concienciar ás persoas sobre os abandoos e aimportancia das adopcións. Respecto diso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o 70% dos cans no mundo non teñen un fogar.

Na actualidade existen aproximadamente 300 millóns de cans no mundo, cunha gran variedade de razas e tamaños. Hoxe en día existen desde cans de compañía ata cans policías, cans bombeiros, cans lazarillos…

III Andaina solidaria contra o cancro
O vindeiro domingo, 24 de abril, o Concello de Mos organiza, coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro en Mos, a III Andaina Solidaria “En Marcha Contra o Cancro”.

O percorrido, que ten unha dificultade fácil e é apto para toda a familia, comezará ás 10:00 horas con saída desde o Castro de Herville, Cela. Serán en total 7 kilómetros.

As persoas que desexen inscribirse poden facelo na Piscina Municipal (número de teléfono: 986 334 070), no Multiusos As Pozas (número de teféfono: 986 339 404) ou nos teléfonos da sede local da Asociación en Mos: 697 484 529 e 663 546 218.

O prezo da inscrición son 5 euros, que inclúe a entrega do dorsal e unha bolsa con avituallamento.

Todo o recadado neste evento destinarase a seguir financiando tódolos programas e servizos que a Asociación ofrece, de maneira gratuíta, ós pacientes de cancro e as súas familias; e entre os que se atopan, a atención psicolóxica e social, préstamo de material ortoprotésico (camas, andadores, perrucas, cadeiras de rodas, etc).

Ademais, campañas de prevención, acompañamentos en hospitais e domicilios e programas de investigación en cancro.

A actividade da Asociación Española Contra o Cancro en Mos
A Sede Local de Mos retomará a partir do próximo mes de maio a súa atención ao público nun local cedido polo Concello en San Rafael, Camiño de Campo de Eiró, 100, os mércores de 10.00 a 12.30 horas.

Ademais de dar información sobre os servizos gratuítos de apoio e acompañamento que ofrece a Asociación a pacientes oncolóxicos/as e aos seus familiares, para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas en contactar coa Asociación tamén poderán facelo no 900 100 036 (as 24 horas, os 365 días do ano de maneira gratuíta).

A Asociación Española Contra o Cancro en Mos realizou durante o pasado ano 2021 un total de 181 intervencións, desglosadas da seguinte maneira:

– 120 intervencións de atención a pacientes en final de vida e aos seus familiares
– 32 de atención psicolóxica
– 26 da área de Traballo Social (información/orientación, préstamo de material ortoprotésico como camas, andadores, perrucas, etc, inserción laboral, alimentos, axudas económicas)
– 3 actuacións do equipo de voluntariado.