Campaña “7 días, 7 parques” para o fomento do turismo de natureza no Xurés

A Xunta destinará 600.000 € á rehabilitación enerxética do Centro de Interpretación

Lobios | A Xunta de Galicia destinará algo máis de 600.000 euros a acometer unha completa actuación de rehabilitación enerxética no Centro de Interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

Así o anunciou hoxe en Lobios a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que os traballos, financiados con fondos europeos de recuperación, consistirán na mellora da envolvente térmica do inmoble para optimizar a súa eficiencia.

No marco dunha visita ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés para dar a coñecer a campaña da Xunta 7 días, 7 parques para o fomento do turismo de natureza, a responsable autonómica referiuse á riqueza e o interese que albergan desde o punto de vista paisaxístico e da biodiversidade este tipo de espazos.

Os seis parques naturais e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia se estenden por 58.000 hectáreas e ofrecen aos visitantes un total de 62 rutas que abranguen máis de 400 quilómetros adaptados para percorrelos a pé ou en bicicleta. Unhas “xoias naturais”, tal e como dixo a conselleira, que cada ano atraen a miles de persoas e serven de reclamo turístico para a Comunidade.

Tras lembrar que o obxectivo da nova campaña pasa por poñer en valor o potencial destes espazos naturais, Ángeles Vázquez explicou que as 20 primeiras persoas que visiten antes do 30 de setembro os seis parques naturais e o Parque Nacional serán recompensadas cunha fin de semana para dúas persoas nun dos establecementos hostaleiros da Rede de Turismo de Galicia dentro da área de influencia destes espazos.

Para participar e completar o reto, tan só hai que achegarse ata algún dos centros de visitantes e de interpretación dos sete parques e solicitar un pasaporte. A partir dese momento, o persoal de cada un dos centros encargarase de selar a casiña correspondente para acreditar a visita, tal e como fixo a conselleira de Medio Ambiente, tras percorrer a pé un tramo da ruta do río Vilameá, acompañada pola alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Unha vez completado o pasaporte, bastará con escanealo e envialo por correo electrónico, xunto cos datos persoais do visitante, co fin de que a Consellería de Medio Ambiente certifique o documento e se poña en contacto cos premiados.

Actuacións directas e investimentos no Xurés
Despois de lembrar que hai dúas semanas a Xunta aprobou o Plan reitor de uso e xestión do Xurés, a conselleira aproveitou a súa presenza na zona para subliñar o compromiso do seu departamento co parque natural máis extenso de Galicia, cunha superficie de 29.379,4 hectáreas que abrangue seis concellos ourensáns —Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños— e unha poboación de algo máis de 7.200 habitantes.

Ángeles Vázquez lembrou que co fin de darlle un pulo definitivo e poñer en valor esta zona, a Xunta prevé investimentos por máis de 15 millóns de euros durante a vindeira década, unha contía na que se inclúen os fondos destinados a financiar as distintas liñas de actuación incluídas no PRUX, as axudas para accións de conservación e posta en valor do parque e para outras iniciativas relacionadas coa súa condición de reserva de biosfera, ou proxectos como a xa referida rehabilitación do centro de Interpretación.

En concreto e tras subliñar que a Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés é unha das tres que xestiona directamente a Xunta, anunciou que entre as actuacións previstas pola Consellería no período 2022-2023 figura habilitar un novo sendeiro de 2,85 qms, dividido en dous tramos e que estará adaptado para persoas con diversidade funcional.