“Camiño do recordo” gaña o Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2022

Preto de 30.000 personas visitaron os xardíns desde o mes de maio

Allariz | O Festival Internacional de Xardíns de Allariz pechou a súa duodécima edición adicada aos Xardíns terapéuticos, deseños que curan, aberta dende maio. Neste tempo preto de 30.000 persoas visitaron os xardíns efémeros. As cifras mostran, segundo sinalaba o tenente de alcalde, Bernardo Varela, “a consolidación do Festival co paso dos anos, aínda que este verán as altas temperaturas que vivimos non favoreceron moito a visita”.

O evento alaricano, único no Estado, converteuse, ao longo de doce anos, nun referente paisaxístico. Asociacións e empresas do sector axudan ao incremento da presenza do Festival de Xardíns de Allariz no eido empresarial.

A asemblea anual de AGAEXAR,a Asociación Galega de Apicultura ou outras relacionadas co turismo como Garden Tours ou Bomarzo son parte dos exemplos de que o Festival de Xardíns, ademais de ser un dos principais atractivos turísticos da localidade, é un motor económico de referencia para o sector.

Premio
Unha vez pechada esta edición, procedeuse ao reconto dos votos dos/as visitantes que ao acudir ao recinto teñen a opción de elixir o xardín que máis lles gusta. “Camiño do recordo”, do equipo madrileño Apaisados recibiu o 21,04% das votos polo que se converte no gañador do Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2022 e permanecerá un ano máis no recinto do Festival.

O tema do xardín está adicado a persoas con alzhéimer. Como o seu nome indica “Camiño do recordo” busca mover ós usuarios a lugares onde puideron crear algún recordo ao longo da túa vida e axudar a lembralo.

O segundo lugar, foi para o xardín do galego Daniel Carvajal Alonso, “Legado”, que cun 13,86% dos votos acadou a segunda posición.

E no terceiro posto, “Gardenarium”: The health rooms da italiana Martina Pappalardo, que con un 10,95% dos votos acadou esta terceira posición.

O FIXA está a recibir novos deseños para o vindeiro concurso, aínda que ata o día 30 o prazo continúa aberto para recibir as propostas para o vindeiro ano baixo o lema “A volta ao mundo en once xardíns” .

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos