Café Latino en Ourense celebra 25 anos de jazz

O Festival de Primavera será do 20 de abril ao 1 de xuño

Ourense | Café Latino celebra a edición 25 do Festival de Jazz de Primavera desde o 20 de abril ata o 1 de xuño e as entradas poderán comprarse no café ourensán da Praza de Santa Eufemia. Abrirá o festival Jorge Pardo, que repite no Latino, esta vez en versión trío, acompañado á guitarra por Melón Jiménez e á percusión por Adri Trujillo. O día 24 estará Abe Rábade e o 27 Josemi Carmona cunha proposta flamenca con dúas cantaoras.

Seguiralle Kenny Barron, que tocará o día 1 de maio. Tras el estará o gañador dun Grammy, Kenny Garrett que volve, nesta ocasión coa artista cubana Melvis Santa. O 10 de maio visitará por primeira vez o Latino o pianista Bruce Barth. Farao nunha actuación en trío, na que estará acompañado do contrabaixo Mark Hodgson e do batería Stephen Keogh.

O 18 de maio soará a música de Canadian Jazz Collective. O 25 será a quenda para saxofonista Wayne Escoffrery que virá rodeado dunha banda de excepción: David Kikoski ao piano, Ugonna Okegwo ao contrabaixo e Mark Whitfield Jr á batería. O 1 de xuño pecha o programa o quinteto local Ton Risco e Alfonso Medela.

“O Festival de Jazz conta cun orzamento de 70.000 euros, grazas ao patrocinio da Fundación Florencio Álvarez”, indica Eduardo Rodríguez, propietario do establecemento. “A cidade responde e ademais vén xente de todas partes así que sempre contarán co noso apoio”, sinala Marco Álvarez, presidente da fundación.