Cadeas hoteleiras captan talento no Centro Superior de Hostelería de Galicia

O director de Turismo de Galicia mantivo un encontro con responsables de dous grupos

Santiago de Compostela | O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) está a desenvolver durante estas semanas una serie de encontros con destacadas cadeas hoteleiras nacionais e internacionais interesadas en coñecer o talento que se forma no centro e incorporar novos profesionais aos seus equipos.

A iniciativa, que comezou a semana pasada coas visitas de Hyatt Hotels Corporation e Kimpton Hotels & Restaurants, continúa estes días coa participación de Hoteles Elba, W Hotels, Four Seasons Hotels and Resorts e Palladium Hotel Group.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu no centro a representantes de Four Seasons Hotels and Resorts, coincidindo coa súa participación neste programa. Ao longo da xornada, responsables desta compañía e de Palladium Hotel Group realizaron arredor de 70 entrevistas para coñecer os perfís profesionais do alumnado e identificar posibles incorporacións aos seus establecementos.

Estes encontros permiten ás compañías coñecer directamente aos alumnos e ás alumnas que se forman no CSHG, identificar os perfís profesionais que mellor se axustan as súas necesidades e presentar as posibilidades laborais e de desenvolvemento profesional que ofrecen.

Para o alumnado, supoñen unha oportunidade de dar a coñecer a súa formación, achegarse aos procesos de selección de grandes grupos e establecer primeiros contactos con empresas do sector. Ademais, a presenza de antigos alumnos nestas compañías pon de manifesto a proxección profesional da formación impartida no centro.

Novas visitas nas próximas semanas
O calendario continuará a semana do 23 de novembro coa participación de NH Hotels & Resorts, ILUNION Hotels e Port Hotels. Nas semanas seguintes está prevista a presenza doutras compañías de referencia, como ACHM Hotels by Marriott, Meliá Hotels International, Marriott International e Barceló Hotel Group.

Con este programa, o CSHG reforza a súa colaboración coas principais empresas do sector hoteleiro e favorece o contacto directo entre o alumnado e o tecido empresarial. Unha liña de traballo que facilita as oportunidades de inserción profesional do alumnado e contribúe a consolidar o centro como referente na preparación de futuros profesionais do turismo e da hostalería.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.