BNG: “Xunta de Galicia deixa a Ponteareas fóra dos seus Orzamentos 2024”

Que están en fase de tramitación no Parlamento galego

Ponteareas/BNG | O BNG realizou en Ponteareas unha valoración do proxecto de Orzamentos presentado pola Xunta de Galiza para 2024, que están na fase de tramitación no Parlamento Galego.

A través da deputada e concelleira Cristina Fernández Davila, o Bloque sinalou que se trata duns orzamentos que “unha vez máis, esquecen as necesidades de Ponteareas e abandonan as infraestruturas nos servizos básicos que son competencia da Xunta e precisan actuacións urxentes para o seu funcionamento diario”.

Fernández Davila lamentou que “malia que o Pleno da Corporación Municipal trasladou á Xunta unha serie de necesidades consideradas prioritarias por unanimidade dos grupos políticos, o goberno do PP na Xunta ignorou as demandas de Ponteareas e presentou uns orzamentos que non destinan nin un euro para dar solución a esas necesidades”.

A deputada sinalou que “son os Orzamentos dun goberno que está no tempo de desconto e que nada ten que ofrecer a Ponteareas nin a este País”. Neste sentido, o BNG iniciou unha rolda de encontros con distintos colectivos para recoller as súas apreciacións e adiantou que aproveitará toda a tramitación parlamentaria para “presentar alegacións que recollan as necesidades de Ponteareas e melloren no posible os orzamentos da Xunta para 2024, demostrando que o BNG ten un proxecto político para a maioría social no que Ponteareas tamén conta.”

Reparto de salarios: “regreso ao pasado”
Este mércores, Ponteareas celebrou un Pleno extraordinario no que o goberno tripartito aprobou os seus salarios tras chegar a un acordo de goberno entre PP e ACIP.

O Portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, sinalou que a aprobación “consolida definitivamente o regreso ao pasado para Ponteareas, o regreso a esa época escura que a veciñanza identifica coa corrupción e o caciquismo na nosa vila”.

“Nos últimos anos, Juan Carlos González a través da marca independente ACIP, intentou vender un distanciamento do Partido Popular e dese noxento pasado que representaban os Castro. Pero co pacto asinado botou por terra todos eses esforzos e acabou de novo rendido aos pés de Nava Castro e do PP”, asegurou o portavoz nacionalista. Así mesmo, lembrou que ao inicio deste mandato “o señor González Carrera xa utilizou os votos do seu grupo para facilitar que Nava Castro fora a alcaldesa. É que esa é a orixe e o destino de Juan Carlos González: ser fiel aos Castro”, afirmou Bouzó.

Tras realizar un repaso pola historia da dereita local enumerando as reiteradas divisións e posteriores reconciliacións, con Nava Castro e Juan Carlos González como protagonistas, o portavoz do Bloque asegurou que malia o cambio de partidos, tratouse sempre “das mesmas persoas e as mesmas políticas de caciquismo e corrupción para tecer unha rede clientelar que a día de hoxe aínda lles reporta votos”.

Miguel Bouzó afirmou que “queda demostrado que esta reconciliación por intereses non e nada novo, e os seus protagonistas tampouco son nada novo para Ponteareas, xa que representan ese pasado negro e casposo, herdeiro das políticas caciquís que os propios Tribunais recoñeceron”.

En opinión do BNG, “os gobernos da dereita tiveron Ponteareas paralizada durante décadas por centrarse nos seus intereses persoais, nas súas loitas internas e por non ser capaces de pórse de acordo en asuntos vitais para a veciñanza”. O portavoz nacionalista concluíu manifestando a “rotunda oposición” do Bloque a que sexa a veciñanza de Ponteareas a que teña que “pagar os intereses persoais de quen hoxe forma o goberno tripartito”.