BNG urxe un medio de transporte eficaz e sostíbel entre Caminha e A Guarda

O deputado Néstor Rego levará a Madrid esta petición

A Guarda/BNG | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia novas iniciativas ante a situación actual das comunicacións limitadas entre Caminha e A Guarda e reclama ao Goberno do Estado alternativas que solucionen os problemas e pór en marcha unha comunicación eficaz e sostíbel. A organización nacionalista aposta por un proxecto de futuro para a constitución dunha futura Eurocidade.

O transbordador Santa Rita de Cássia permitiu a conexión, tanto para vehículos como persoas, entre os concellos da Guarda e Caminha desde 1995, mais hai anos que quedou obsoleto por tratarse dunha embarcación anticuada e por precisar dun calado para navegar do que o río carece.

Durante décadas tivo que recorrerse á dragaxe do esteiro do Miño para retirar as areas e sedimentos que se acumulan: primeiro encargouse o Goberno da República Portuguesa e, despois, o Goberno do Estado español, que fixo a última no 2012.

“A solución das dragaxes permanentes non serve polo seu alto custo ambiental e económico. Ademais, as constantes avarías e un pantalán de atracada absolutamente abandonado, por parte de Portos da Xunta de Galiza, contribuíron tamén nos últimos anos a facer inservíbel este medio de transporte, que xa non permite o tránsito de vehículos e onde os horarios dependen das mareas” explica o deputado nacionalista. Rego, neste sentido, reclama ao Goberno do Estado que estabelece alternativas que solucionen o problema actual nas comunicacións entre Caminha e A Guarda.

“Resulta fundamental recuperar dunha maneira eficaz a comunicación con Caminha e, para iso, é preciso un compromiso entre os Gobernos do Estado español e Portugal, que conte ademais coa implicación da Xunta de Galiza e dos concellos afectados a ambas as beiras do río Miño” reivindica Rego.

Para a organización nacionalista deben estudarse as distintas alternativas de transporte posíbeis, para apostar finalmente por unha proposta que permita compatibilizar a conservación do alto valor ecolóxico do Esteiro do Miño coa posta en marcha dun novo medio de comunicación eficaz e sostíbel que conecte de forma áxil A Guarda con Caminha.

Após seis meses parado polo fechamento do porto e a falta de canle de navegación suficiente, no verán de 2021 retomouse a actividade do ferry con restricións – os usuarios con vehículo non poderán embarcar- ademais de reducir as frecuencias e días para sucar o Miño. “O parón da actividade, así como o descenso actual do tránsito influíu notabelmente na actividade económica da localidade da Guarda” denuncia Rego.

O deputado nacionalista aposta por un proxecto de futuro que poida servir para “avanzar na constitución dunha futura Eurocidade entre A Guarda e Caminha, que potenciaría as relacións entre ambas localidades situadas a ambas beiras do Miño”.