BNG presentou en Vigo a súa candidatura para as autonómicas 2024

A súa voceira e candidata Ana Pontón aposta polo cambio "cunha presidenta do BNG"

Vigo | A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, participou en Vigo na presentación da candidatura do BNG, acto no que destacou que as eleccións do 18-F non son nin unha “reválida” de Sánchez nin un “premio de consolación” para Feijóo”.

Ao contrario, “estas eleccións van de Galiza, facernos valer cunha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, porque a min ninguén me vai poñer límites, nin desde Madrid, nin desde un consello de administración. Sei ben quen son, a quen me debo e de que lado quero estar, ao servizo da xente deste País”, proclamou.

Pontón deixou claro que “é o momento de ter unha presidenta capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande”, man a man con maioría social que quere cambio e que ve no BNG a súa esperanza de futuro, subliñou, destacando que é hora de facer historia cunha muller presidenta.

“En 43 anos houbo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais, pero non lograron poñer a este País no lugar que lle corresponde, por iso penso humildemente que Galiza vai saír gañando cunha presidenta, e convoco á cidadanía a que nos dea a oportunidade de demostrarlle que podemos facelo mellor, que Galiza vai saír gañando cun goberno do BNG”, salientou desde Vigo.

Porque o Bloque ten un proxecto solvente para gobernar desde o rigor e o realismo, desde a ambición e coa capacidade para transformar en positivo, “para darlle á xente un País cunha sanidade e unha educación mellores, con máis benestar e máis oportunidades, no que se aposte pola ciencia e a innovación, pola industria e pola creación de emprego”, sintetizou. “Este 18-F vai de defender os nosos sectores produtivos, vai de máis igualdade e feminismo, vai de poñer este País á vangarda a innovación, vai de avanzar e de progresar e todo iso é posible se facemos realidade o cambio galego da man do BNG”, recalcou.

Un Bloque Nacionalista Galego que está en disposición de disputarlle a Presidencia ao PP, “porque os galegos e as galegas saben que somos a única forza que ten un proxecto alternativo e de futuro, sen dependencias e sen sucursalismos”. Un proxecto común de País, subliñou, pensado “dende nós e para nós” co único obxectivo de dar solucións aos problemas reais da xente a través dun goberno que vai ser “o mellor de todos os tempos”.

Convencida de que o cambio é posible, a candidata do BNG dirixiuse precisamente a esa maioría social que quere pasar páxina e abrir un tempo novo no País, sabendo que o 18 de febreiro só hai dúas alternativa, “un goberno con Rueda como presidente, que nos deixa un país en retroceso, peor do que encontrou, ou unha presidenta do BNG capaz de poñer en marcha a mellor Galiza, esa é a escolla”. De aí a súa chamada á mobilización e á concentración “das ganas de cambio” no Bloque, dúas claves necesarias para facer historia o 18-F: mobilización masiva e o conseguir que nin un só voto do cambio se perda. “O cambio galego é imparable e está ao alcance das nosas mans”, proclamou.

Cumprir con Vigo
Acompañada en Vigo polos candidatos na lista de Pontevedra, Pontón avogou por deixar atrás confrontacións estériles e comprometeuse a ser a presidenta que cumpra con esta “gran cidade”, que terá nun goberno liderado polo BNG o “mellor aliado” para recuperar pulso industrial e ser o “motor económico de Galiza”. O seu compromiso é apoiar aos sectores produtivos tradicionais, -como a automoción e o naval-, pero tamén poñer en marcha un gran polo científico e tecnolóxico en colaboración coa universidade e o tecido produtivo.

Pontón quere liderar un goberno que afiance a súa posición na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Garantiu, ademais, que será unha presidenta esixente co Estado para, entre outras cuestións, avanzar nas comunicacións con Portugal e, nomeadamente, na estratéxica conexión ferroviaria. “Non podemos estar anos falando da saída, hai que pasar aos feitos”, declarou.

Avanzar en benestar social e igualdade será cuestión prioritaria e avanzou o seu compromiso de dar resposta a unha das maiores preocupacións de miles de vigueses e viguesas: o acceso á vivenda, con políticas que mobilicen a vivenda baleira para poñelos no mercado en aluguer a prezos limitados asumibles para os salarios do País. A proposta do BNG neste eido pasa por fixar un imposto que grave aos grandes tenedores de pisos, como banca e fondos voitre, para conseguir que os poñan a disposición da xente, e que a Xunta compre vivenda baleira para poñela en aluguer.

En relación a candidatura destacou que se trata “gran equipo” de homes e mulleres comprometidos na tarefa de ter un Vigo con “máis oportunidades, benestar e futuro”, unha lista liderada por Luís Bará, de quen destacou a súa experiencia parlamentaria, o rigor e o seu coñecemento dos grandes temas de País, características que comparte con Montse Prado, “a voz en defensa da sanidade pública”; Alexandra Fernández, Paulo Ríos o Carmela González. Pontón salientou ademais o “empuxe e forzas renovadas” que supoñen as novas incorporacións na lista do BNG, como Brais Ruanova, Ariadna Fernández, Marta Gómez, Xavier Rodríguez ou, pechando, o ex reitor Salustiano Mato.

Cambiar a confrontación pola cooperación intelixente
Bará asegurou que ante as eleccións do 18F o BNG está empurrando e levando adiante a campaña “da ilusión e do cambio galego fronte ao desgoberno en descomposición, desanimado e descoordinado do PP”.

Segundo subliñou, o empuxe e forza do BNG encarna a ilusión e o desexo de cambio que sente arredor do 60% da poboación, polo que chamou a transformar esas ansias en voto en apoio ao Bloque, “que permitirá pasar dun presidente gris, teledirixido, suplente, por unha presidenta coas mans libres para impulsar tempo novo para Vigo”. Insistiu en que para a cidade olívica será un cambio revolucionario que dende o goberno galego do BNG se cambie a “política de confrontación por cooperación intelixente con Vigo”, un cambio que dixo, está “cada vez máis cerca, é posible, se se concentra no voto ao BNG”.

Se Vigo empurra, o cambio será realidade
O voceiro municipal en Vigo BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que son unhas eleccións de “oportunidade” nas que o voto de Vigo vai ser máis decisivo que nunca para facer historia “coa certeza de poñer fin a política de abandono a Vigo do PP na Xunta”.

“Un goberno galego con Ana Pontón á fronte será aliado para deixar atrás a páxina escura que converteu a área Vigo na zona cero da desfeita sanitaria, con 7.400 postos de traballo perdidos, unha desfeita na política industrial e vivenda, cun goberno do PP que castigou sistematicamente a Vigo”, insistiu o nacionalista.

Lembrou que o PP votou en contra unha e outra vez das emendas do BNG para ter máis orzamento para a área, “Se Vigo empurra, o obxectivo, o reto do cambio galego vai ser realidade”, finalizou.