BNG Ponteareas satisfeito pola decisión da Xunta de garantir o funcionamento da Estación de Autobuses

Tras 11 anos de abandono

Ponteareas/BNG | A Xunta informou a través dos medios de comunicación que “garantirá o correcto funcionamento da Estación de Autobuses de Ponteareas”, e o BNG de Ponteareas congratulouse por este anuncio.

“Xa era hora de que o fixeran despois de case 11 anos sen atendela, aínda sendo da súa exclusiva competencia”, sinalou a formación nacionalista, lembrando que en 2011 a Xunta pediu ao Concello “o favor” de atendela mentres tentaban adxudicar o servizo a unha empresa e co compromiso de abonar os gastos que lle puidera ocasionar ao Concello.

“A Xunta tardou estes once anos en adxudicar o servizo e mentres tanto o Concello cargou coas perdas da Estación crendo na palabra da Consellaría”. O BNG considerou moi grave que agora a Xunta anuncie que non pensa pagar as súas débedas con Ponteareas.

O Bloque salientou o “impecábel” comportamento do Concello, que primeiro colaborou coa Xunta cando esta en 2011 solicitou a axuda municipal para manter aberta a Estación e despois se ofreceu a cofinanciar o 70% das obras de remodelación do edificio. “Fronte a esta actitude de colaboración e lealdade institucional, temos a unha Xunta desleal e desagradecida que decidiu rexeitar os 370.000 euros ofrecidos polo Concello para as obras e que agora se nega a pagar os máis de 130.000 euros que endebeda a Ponteareas”, sinalou o BNG.