BNG Ponteareas denuncia presuntas irregularidades de contratación no goberno de Nava Castro

Presenta como argumento un recente informe do Tribunal de Contas

Ponteareas/BNG | Nos pasadas semanas, o Tribunal de Contas deu a coñecer un informe no que advertía que a Axencia de Turismo de Galicia, dirixida nos últimos dez anos por Nava Castro, recorría baixo a súa dirección ao fraccionamento de contratos para adxudicalos a dedo en lugar de convocar concursos públicos aos que poida optar calquera empresa.

Agora, o BNG vén de destapar unha nova trama do PP e Nava Castro en Ponteareas. “Unha das empresas de confianza de Castro, coa que realizaba contratacións en Turismo e que traballou para o Partido Popular, acumula ducias de miles de euros adxudicados a dedo polo Concello nos últimos meses. Deste xeito, o PP e Nava Castro replican as prácticas irregulares polas que foi advertida polo Tribunal de Contas”, sinala a formación nacionalista.

“En canto Nava Castro accedeu a alcaldía de Ponteareas, cancelou o contrato da empresa de comunicación que prestaba o servizo tras gañar un concurso público e contratou a dedo a esta empresa amiga, saltándose o procedemento de contratación. Posteriormente, continuou contratando á mesma empresa para outros servizos diversos, encadeando contratos menores e acumulando irregularidades nos procesos de contratación”, afirma o BNG.

O Bloque informa que esta mesma empresa acumulou facturas adxudicadas a dedo por importe superior ao medio millón de euros nos dous últimos anos de Castro á fronte da Axencia de Turismo de Galicia. “Nava Castro está facendo do Concello o seu chiringuito particular. Primeiro coloca aos seus familiares e agora utiliza o diñeiro de todas e todos para favorecer ás súas empresas amigas como facía dende a Xunta”, denuncia o BNG, que avanzou que dará novos pasos tras facer públicos estes feitos.