BNG Ponteareas: “a educación será unha das nosas prioridades”

Prometeu renovar e ampliar os colexios ponteareáns en caso de gobernar na Xunta de Galicia

Ponteareas/BNG | A deputada e candidata do BNG nas vindeiras eleccións galegas, Cristina Fernández Davila, mantivo un encontro con representantes da comunidade educativa de Ponteareas no que trasladou o compromiso do BNG de “renovar as instalacións dos colexios e ampliar aquelas que a día de hoxe non teñen espazo para albergar ximnasio ou comedor”

“O compromiso do BNG desde o goberno da Xunta de Galiza é claro: se recibimos a confianza da veciñanza para que Ana Pontón sexa presidenta, os colexios serán unha prioridade. Solucionaremos os problemas que o PP se negou a solucionar durante anos”, aseverou a candidata ponteareá.

Fernández Davila sinalou que “o PP leva dende que chegou á Xunta sen facer investimentos nin obras relevantes no conxunto dos centros de ensino ponteareáns. Os colexios, que dependen da administración galega, son instalacións antigas, que precisan obras de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética para evitar humidades e perdas de calor”.

“O BNG propón incrementar o investimento público en educación até un 7% do PIB”

“A situación agrávase no rural, onde ademais hai colexios como o de Guláns ou Santiago de Oliveira sen ximnasio nin comedor. Cun goberno galego do BNG remataremos con esta discriminación”, afirmou.

Ademais, Cristina Fernández destacou que o BNG propón incrementar o investimento público en educación até un 7% do PIB, e deu a coñecer outras propostas do Bloque nesta materia, como recuperar a gratuidade dos libros de texto, garantir a igualdade de oportunidades e a atención á diversidade en todas as etapas ou un plan integral do ensino no rural, garantindo os mesmos servizos e medios que nos centros urbanos.

A candidata do BNG apuntou que “o 18 de febreiro temos unha oportunidade histórica de abrir un tempo novo en Galiza con Ana Pontón e o BNG. Chegou o momento de gañar un futuro mellor, ofrecendo solucións aos problemas dos galegos e galegas, cun proxecto no que Ponteareas conte, gobernando para a maioría e pondo as persoas no centro da nosa acción política”.