BNG Ourense pon o foco na querela contra o alcalde Jácome por presunta malversación

No que se refire ao financiamento de Democracia Ourensana
Luis Seara, portavoz do BNG no Concello de Ourense.

Ourense | Ante a nova na que a Fiscalía se querela contra Gonzalo Pérez Jácome por presunta malversación de caudais públicos no que ao financiamento de Democracia Ourensana no período 2015 – 2018 se refire, o grupo municipal do BNG celebra o paso dado desde a Fiscalía ao tempo que lembra que desde hai anos se veñen advertindo estas prácticas, asumidas polo propio Jácome, no que ao financiamento da súa televisión se refire, sen que a xustiza actuara de oficio.

Igualmente, desde o BNG agardan a reacción do PP ante esta nova, xa que, a diferenza do acontecido en agosto de 2020, cando abandonaron o Goberno Local escudándose nas denuncias formuladas por ex compañeiros de partido de Jácome, agora é a propia Fiscalía quen acusa ao actual rexedor de nada máis e nada menos que de malversación continuada de caudais públicos.

Os nacionalistas agardan a que os populares se pronuncien sobre se manteñen necesario restablecerlle “a honra a Jácome” ou pola contra, rachan definitivamente con el.

Para o BNG esta situación dana profundamente a imaxe da institución ao tempo que contribúe á desafección da veciñanza co seu concello, un concello á deriva e sumido no caos e na inacción e que soamente serve de instrumento aos intereses particulares de DO e PP.