BNG Ourense aposta por un novo estadio e unha cidade deportiva no barrio do Couto

Mellorando a oferta deportiva e revitalizando unha zona actualmente abandonada

Ourense | O BNG de Ourense ten proxectados no seu programa electoral cinco grandes actuacións en diferentes zonas do Concello que, segundo o candidato Luís Seara, “mudarían por completo a faciana do Concello, contribuirían a xerar dinamismo social e económico e permitirían aumentar a oferta dotacional e de equipamentos para uso e disfrute da veciñanza”.

Un deses proxectos transformadores deseñado polo BNG pasa pola construción dun novo estadio no barrio de Couto, concretamente nos terreos ubicados na traseira da actual grada de fondo. Con esta actuación, segundo Seara, “daríamos un salto de calidade e deixaríamos de enterrar candidades inxentes de cartos no estadio actual que pese ás moitas intervencións, segue padecendo de importantes problemas estruturais e de accesibilidade”.

“Queremos un estadio moderno, funcional, accesible e que cumpra coas necesidades e os estándares actuais tanto para os deportistas como para os siareiros, non falamos dunha obra faraónica pero si dun estadio acorde ao século XXI e a terceira cidade do país”.

Pero o BNG non se conforma coa construción dun novo estadio de fútbol que contaría ademais ao seu redor con múltiples prazas de aparcamento e zonas verdes e de esparcemento senón que propoñen a transformación do actual nunha cidade deportiva “que palíe o déficit que temos actualmente en materia de instalacións deportiva, permita desconxestionar o xa de por si saturado Pavillón dos Remedios e contribúa a dinamizar unha zona actualmente moi degradada”. Segundo o candidado do BNG, “con esta actuación e a creación de novos viais como pode ser a prolongación da Rúa Francisco de Moure até a súa conexión coa N-525 contribuiríamos a mellora da mobilidade do barrio e a creación de máis zonas verdes e de esparcemento para a veciñanza”.