BNG O Porriño esixe a declaración do río Louro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL)

Indicou que o PP oponse a esta iniciativa

O Porriño/BNG | O grupo municipal do BNG do Porriño, no último pleno, volveu solicitar unha medida de protección real para o Louro. Requiriu que o Concello impulse declarar como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) os ecosistemas do Louro ao seu paso polo Porriño.

Esta é a segunda vez que o BNG fai esta solicitude. No mes de maio de 2022, ante a iniciativa presentada polo Bloque, O PP votou a favor e, nese momento, foi aprobada por unanimidade.

Agora que pasou a campaña electoral e tamén que se rebaixou a tensión social xurdida na loita contra o megaproxecto para aparcadoiro de camións en Torneiros, o PP vota en contra.

O BNG denuncia que detrás deste cambio de postura está algo máis ca un desleixo na protección do noso río. Existe a intención de continuar organizando na súa contorna macroeventos opostos a un uso respectuoso co medio. O río e as súas beiras poden e deben ser un espazo para a cidadanía do Porriño, pero as actividades humanas deben ser harmoniosas co coidado do espazo.

Para declarar o río Louro e os seus regos Laxes e Fonteliño (Couso) como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), o Concello ten que elaborar unha proposta de memoria na que se indiquen os valores naturais do lugar a protexer, os usos e os aproveitamentos dos seus recursos naturais; e os obxectivos conservacionistas que se propoñen, xunto coas necesidades económicas para os levar a cabo. A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia é quen resolve, finalmente, outorgar esta figura de protección.

“O ENIL é unha ferramenta poderosa ao alcance da administración local. Dálle recoñecemento a un ecosistema urbano de ribeira e potencia a estima colectiva polos valores naturais do Porriño e, así, aumenta a implicación cidadá no coidado activo do río. Implicaría mellorar a colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para controlar os vertidos que, con frecuencia, cobren o río ao seu paso polo Porriño”, sinalou Marcelo Rodríguez, técnico ambiental e concelleiro do BNG, quen defendeu no Pleno a iniciativa. Rodríguez puxo como exemplos exitosos os ENIL do río Gafos e da Xunqueira, na cidade de Pontevedra, que permitiron rexenerar estes espazos naturais antes degradados.

Despois de terse aprobado por unanimidade no Pleno de maio do 2022, o PP mantivo paralizada a tramitación. Durante o debate dos orzamentos para o 2023, o grupo municipal do PP rexeitou unha emenda presentada polo BNG na que se solicitaba incluír unha partida económica para a tramitación do ENIL. Co voto en contra no último pleno, o goberno que preside Alejandro Lorenzo deixa claro que non ten interese nesta declaración.

“Despois de terse aprobado por unanimidade no Pleno de maio do 2022, o PP mantivo paralizada a tramitación”

O alcalde ten anunciado a súa intención de crear un espazo para grandes eventos á beira do río, permitindo o tráfico rodado e creando zonas de aparcamento, unha actuación que implicaría graves prexuízos para a flora e a fauna do lugar. “Ter recoñecido este espazo natural axudaría a rexenerar os bosques de ribeira e tamén a defendelos de futuras ameazas, ademais de incorporar unha nova oferta de lecer impregnada de valores educativos, devolvéndolle parte da vitalidade perdida. O proxecto que defende o PP para o río é incompatíbel coa súa declaración como ENIL”, sinalou o concelleiro do Bloque Marcelo Rodríguez, que denunciou no pleno a contaminación por microplásticos producida no río durante a celebración do Negrita Music Festival.

“O goberno local volve demostrar o seu oportunismo, negándose a tramitar o ENIL a pesar de votar no seu día a favor no Pleno. O Alcalde saca moita foto no río co voluntariado ambiental, pero pouca xestión fai nos despachos en defensa do Louro”, destacou Marcelo Rodríguez.

Por outra banda, “no BNG somos conscientes de que a recuperación integral do espazo urbano do río non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual. A declaración do ENIL ten que axudar a traballar nun traslado necesario para converter o Louro no pulmón verde que O Porriño precisa”, concluíu o dito concelleiro do BNG.