BNG Mos solicita a construción de vivenda de protección pública na contorna das Pozas

Ante as dificultades de acceso á vivenda para a mocidade
Para o BNG, o lugar idóneo para a construción dun novo parque de vivendas de protección pública é a contorna das Pozas, en Petelos.

Mos/BNG | As dificultades para acceder á vivenda afectan a toda a poboación no seu conxunto, pero especialmente aos sectores cun nivel de renda máis baixo. En Mos, ao elevado prezo do solo residencial hai que engadir outro problema a maiores, como é a escaseza de oferta, tanto en réxime de venda como en aluguer.

O BNG entende que o goberno municipal non pode permanecer de brazos cruzados ante esta situación e por este motivo vai presentar, no próximo pleno, unha moción para instar á Xunta a construír un novo parque de vivendas de protección pública no termo municipal.

Vaise solicitar, ademais, que se abran canles de negociación con outras administracións á procura de fondos para a creación dunha bolsa de vivenda municipal destinada alugueiro social e para xente nova.

As boas comunicacións e a proximidade a Vigo converten a Mos nun lugar atractivo para vivir, pero o concello, paradoxicamente, leva varios anos perdendo poboación. En 2013, o censo acadou o seu máximo histórico con 15.367 habitantes, pero a cifra foi caendo ano tras ano e os últimos datos indican que a cantidade total de residentes xa se viu reducida, dende entón, en máis de 300 persoas.

A crise demográfica de Mos contrasta, por outra parte, co crecemento que experimentaron nos últimos anos outros concellos da contorna como O Porriño, Gondomar, Tui ou Salvaterra. Tal como indica o portavoz municipal do BNG, Gustavo Barcia, “en Mos, para ter unha vivenda primeiro hai que contar cun terreo edificable e despois dispoñer do diñeiro preciso para construíla, algo que moi pouca xente se pode permitir no actual contexto de precariedade laboral”. En opinión do concelleiro, “a falta de proxecto e a ineficacia do goberno do PP están condenando á mocidade a marchar de Mos”.

Nas Pozas
O lugar idóneo para a construción dun novo parque de vivendas de protección pública é, para o BNG, a contorna das Pozas, en Petelos. Barcia cre que a creación deste polígono residencial, xunto á inauguración da nova casa consistorial, “debería supoñer o primeiro paso para o desenvolvemento do novo centro urbano previsto no PXOM de 2017”.

Dende a inauguración dos pisos de San Eleuterio, nos anos noventa, Mos non volveu recibir ningún investimento público en vivenda de protección oficial.

En 2008, o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial, presentado pola conselleira nacionalista Teresa Táboas, prevía a construción de 439 vivendas en Mos, das cales 361 serían protexidas, pero a chegada de Núñez Feixóo á Xunta de Galiza impediu sacar adiante aquel investimento, estimado en máis de 15 millóns de euros.