BNG Mos presentou a súa lista electoral para as municipais 2023

Cun equipo con ampla experiencia no tecido asociativo local

Mos/BNG | A lista do BNG de Mos para as próximas eleccións municipais contará con persoas con recoñecida capacidade de traballo e unha ampla experiencia no tecido asociativo local.

O candidato nacionalista á alcaldía, Gustavo Barcia, desvelou ante militantes, simpatizantes e un bo número de veciños e veciñas o nome das catro persoas que o acompañarán á fronte dunha candidatura que aspira a “gobernar para toda a xente de Mos, poñendo fin dunha vez por todas ao caciquismo e a nefasta xestión do PP de Nidia Arévalo”.

A actual vicerresponsábel local do BNG, Sara Samartín, ocupará o segundo posto na lista para o 28 de maio de 2023, seguida por Alberto Barreiro, Esther Rúas e Carlos Villar, máis coñecido como Cao. Gustavo Barcia está convencido de que este equipo “conta coa preparación e a ilusión precisa para liderar o cambio que tanto demanda a veciñanza”.

Na súa intervención, o actual portavoz nacionalista no Concello destacou a importancia dos próximos comicios municipais. “Os anos vindeiros serán decisivos para definir o modelo de concello no que queremos vivir”, indicou Barcia, “e fronte a un PP que está ao servizo dos especuladores, nós apostamos decididamente por un desenvolvemento urbanístico ordenado que preserve os valores naturais do noso territorio e impulse a calidade de vida da veciñanza”.

As persoas que conforman o primeiro tramo da candidatura incorpóranse ao proxecto do BNG “coa firme intención de gañar as eleccións e formar goberno”, segundo o candidato á alcaldía. A lista, paritaria e renovada, será un reflexo do crecemento que a formación nacionalista experimentou nos últimos anos, coa incorporación de nomes procedentes de distintos eidos profesionais, do tecido comercial, do asociacionismo veciñal e dos movementos sociais.

Os cinco primeiros postos
1. GUSTAVO BARCIA SEIJO
O actual portavoz do BNG no Concello de Mos repetirá como candidato á alcaldía en 2023. A nivel académico, conta cun grao en Xeografía e Historia e un grao profesional de música na especialidade de tuba, así como cun mestrado de profesorado. É veciño de Torroso e integrante de distintas formacións musicais entre as que destaca a Banda de Música Xuvenil da súa parroquia ou a Turre’s Band. Forma parte da corporación municipal dende o ano 2019.

2. SARA SAMARTÍN RODRÍGUEZ
É veciña da parroquia de Pereiras e avogada de profesión. Conta con estudos de Dereito e un máster en Dereito Laboral e da Seguridade Social. Actualmente forma parte do Consello Local do BNG onde ocupa, ademais, o cargo de vicerresponsábel da organización.

3. ALBERTO BARREIRO RICÓN
É veciño da parroquia de Louredo e leva vinculado, dende os seus inicios, á Agrupación Cultural A Cividade. Colabora e formou parte, durante moitos anos, de distintas entidades deportivas e culturais do concello como a U.D. Mos ou o Arde o Pazo, entre outras. Ten estudos de Enxeñería Técnica Industrial pola Universidade de Vigo e actualmente desenvolve a súa profesión no sector do metal.

4. ESTER RÚAS MIGUÉLEZ
Con estudos de Eduación Social e Psicopedagoxía, conta cunha ampla traxectoria en proxectos de voluntariado, tanto en Galiza como en Lituania, onde estivo traballando durante un ano nunha residencia de maiores. Actualmente vive en Torroso e é xerente dunha tenda de artesanía, sendeirismo e agasallos na parroquia de Mos. Realiza, ademais, artesanía en xoiaría e é a presidenta da asociación Revolto Artesán Galego.

5. CARLOS VILLAR GUTIÉRREZ “CAO”
Veciño de Tameiga e traballador do sector naval. É membro da directiva da Comunidade de Montes da parroquia, está implicado de maneira activa co CSCD As Pedriñas e formou parte dunha morea de iniciativas culturais dentro e fóra do noso concello. É o coordinador da Sala Rebullón, espazo que conta cunha programación musical e artística de primeiro nivel que obtivo un recoñecemento unánime por parte do sector da Cultura. Destaca, ademais, o seu compromiso co movemento veciñal en defensa do monte e a auga.