BNG Mos presenta as súas emendas aos orzamentos estatais

Reclama investimentos por valor de 4,6 millóns€

Mos/BNG | O BNG incluíu, nas emendas presentadas aos Orzamentos do Estado para 2023, unha serie de actuacións encamiñadas a mellorar a seguridade viaria e garantir a preservación dos valores naturais do termo municipal de Mos.

O deputado no Congreso Néstor Rego explicou, xunto ao concelleiro nacionalista e candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, cinco propostas diferentes que requirirían, no seu conxunto, o investimento de 4,6 millóns de euros por parte do Goberno do Estado.

A maior parte das propostas do BNG van dirixidas ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e están orientadas a corrixir algunhas das carencias das vías de titularidade estatal que atravesan o concello.

Solicítase, por exemplo, a reforma do acceso á A-55, á AP-9 e á antiga estrada N-120 en Puxeiros, un nó que dista moito de responder ás necesidades actuais do tráfico de vehículos. Do mesmo modo, tamén se solicita a insonorización da autovía Vigo-O Porriño, atendendo á proximidade das casas e á alta densidade automóbiles.

As emendas do BNG procuran tamén un reforzo da seguridade para os centos de vehículos e transeúntes que circulan diariamente pola N-550. Solicítase a construción de beirarrúas e a humanización completa dunha vía que coincide, en varios treitos, co Camiño Portugués a Santiago e que serve de acceso, ademais, ao parque empresarial da Veigadaña.

Por outra parte, tamén se reclama a dotación de saneamento para todas as vivendas situadas nas marxes da estrada, así como a construción dunha rotonda no cruce do alto dos Valos. Aínda que está situado dentro do termo municipal de Redondela, supón un nó de comunicación fundamental tamén para os concellos de Mos e Pazos de Borbén.

Recuperación do río Louro
Outra das reclamacións vai dirixida ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, ao que se lle solicita a limpeza e recuperación do leito e as marxes do río Louro, incluíndo a eliminación das especies invasoras.

No documento de emendas, o BNG denuncia a degradación que este espazo natural vén sufrindo dende hai décadas e a presenza de todo tipo de residuos, urbanos e industriais.

Tal como lembraron Néstor Rego e Gustavo Barcia, todas estas medidas responden a demandas históricas da veciñanza que ata o momento non foron atendidas polos sucesivos gobernos de PP e PSOE.