BNG Mos pide a dimisión da concelleira de Servizos Sociais

Trala polémica suscitada pola entrega dos regalos de Reis
O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Gustavo Barcia, denuncia que “o PP pretende converter os Servizos Sociais en algo que nunca deben ser, caridade e beneficencia”.

Mos/BNG | O acto de entrega dos regalos de Nadal ás familias usuarias dos servizos sociais do Concello de Mos foi, en opinión do BNG, “un claro exemplo do que non se debe facer”. Moitas veciñas e veciños expresaron a súa indignación non só pola forma en que estivo organizado o acto, senón tamén pola difusión das fotografías de menores de idade a través das redes sociais.

En vez de entregarlle os agasallos ás familias coa discreción que esixe a xestión dos servizos sociais, o goberno do PP optou por celebrar un evento, na mañá do 5 de xaneiro, onde as meniñas e os meniños foron pasando, un a un, para recibir os agasallos de mans dos Reis Magos.

A reportaxe fotográfica, na que aparecen tamén integrantes do equipo de goberno, foi publicada posteriormente nas redes sociais do Concello, onde moitas persoas cualificaron de “humillante” o trato dispensado ás familias.

O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Gustavo Barcia, denuncia que “o PP pretende converter os Servizos Sociais en algo que nunca deben ser, caridade e beneficencia”. Considera que Nidia Arévalo e a concelleira responsable da área, Sara Cebreiro, realizaron “unha exposición pública innecesaria dunhas familias que están a atravesar unha situación delicada” e lamenta o reiterado uso da imaxe dos menores de idade “para aproveitamento da señora alcaldesa”.

O concelleiro nacionalista cre que o acto organizado para o reparto dos agasallos “traspasa todos os límites do que é aceptable” e por iso vai esixir que a concelleira “asuma a súa responsabilidade e deixe de dirixir, con carácter inmediato, a área de servizos sociais, xa que non está á altura do cargo”.

Moción no pleno
Non é a primeira ocasión en que o BNG denuncia o uso de fotografías de menores de idade e doutros colectivos que merecen especial protección, para uso partidista e propagandístico, por parte do PP de Nidia Arévalo. Gustavo Barcia xa lle solicitara á alcaldesa, no presente mandato, que moderase “a súa obsesión pola foto” cando fixo, no peor momento da pandemia, “un tour” polas casas dos matrimonios maiores para felicitarlles as vodas de ouro.

No próximo pleno presentará unha moción para reclamar que o goberno municipal “deixe de aproveitarse de colectivos vulnerables” e esixirá un maior rigor no uso de fotografías con menores de idade.

Xa se pediu por escrito, ademais, a retirada inmediata da publicación sobre a entrega dos regalos e que se comparta, no seu lugar, unha desculpa pública pola forma en que se tratou a estas familias.