BNG Mos esixe eliminar a barreira do Colexio LAR

Argumenta a súa ilegalidade debido a que interrompe a circulación cara Puxeiros

Mos/BNG | O grupo municipal do BNG de Mos vén de solicitar, a través dun
escrito remitido ao Concello de Mos, o restablecemento da legalidade urbanística na contorna do Colexio LAR, en Puxeiros. Nos últimos meses, instalouse unha barreira para restrinxir o acceso a un camiño de titularidade pública que discorre entre dous edificios do complexo educativo.

O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, cualificou esta actuación de “manifestamente ilegal” e esixiu a adopción de medidas por parte do goberno municipal. Sobre a mesma vía onde se instalou a barreira, un ramal da rúa Eido de San Antonio, o mesmo colexio privado está a construír agora unha pasarela elevada para conectar as distintas dependencias do centro.

Gustavo Barcia ten dúbidas sobre a legalidade dunha reforma que ten afección directa sobre un espazo público e indica que “non existe ningún tipo de sinalización nin hai garantías de que se cumpran as mínimas medidas de seguridade”. O concelleiro está á espera de que se lle remita unha copia da licenza, “se é que existe”, para a execución da obra.

No seo do BNG “existe preocupación”, tal como explica Barcia, “ante a posibilidade de que unha entidade privada intente apropiarse dunha vía pública coa conivencia do goberno do PP”. Por outra parte, o concelleiro advirte doutras irregularidades como a instalación de cámaras de seguridade “que non están sinalizadas e que toman imaxes tanto das beirarrúas como da propia estrada”.

En opinión de Barcia, “a permisividade con este colexio privado contrasta co abandono dos centros educativos públicos do concello”.

Ordenación do tráfico
As queixas sobre posibles irregularidades urbanísticas e a instalación de cámaras de vixilancia veñen sumarse ás protestas veciñais polo colapso do tráfico na Avenida do Rebullón, particularmente nas horas de entrada e saída das aulas.  O portavoz do BNG sinala que “se trata dunha rúa especialmente sensible, xa que é a principal vía de acceso ao centro de saúde” e por este motivo reclama a elaboración, en colaboración coa dirección do centro escolar, dun plan de tráfico que permita desconxestionar a circulación nas horas punta.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.