BNG Mos critica a “opacidade” no proxecto da nova casa do Concello

Unha iniciativa que debe contar co respaldo de todas as forzas políticas

Mos/BNG | A construción dunha nova casa consistorial debería ser un proxecto ilusionante que unira a toda veciñanza, pero en Mos hai moitas máis dúbidas que certezas dende o anuncio realizado pola alcaldesa a mediados de decembro. Nidia Arévalo adiantou a convocatoria dun concurso de ideas e as redes sociais do Concello divulgaron o suposto compromiso do presidente da Xunta para a asignación dunha partida orzamentaria.

O BNG coñeceu a iniciativa a través da prensa e a día de hoxe o goberno municipal aínda non ofreceu máis información sobre un proxecto que debería contar co respaldo de todas as forzas políticas. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, entende que o secretismo en torno á nova casa do Concello “é unha mostra máis do sectarismo que caracteriza ao PP de Mos”.

O anuncio de Nidia Arévalo chega con 15 anos de demora dende a convocatoria dun concurso público en 2005. Naquel momento a corporación municipal, co voto favorable do PP, acordara a construción dunha nova casa consistorial nas Pozas e así quedou recollido no PXOM. O BNG defende a necesidade de retomar ese proxecto e adaptalo á normativa actual, algo que suporía, segundo Barcia, “un enorme aforro de tempo e diñeiro”.

O goberno bipartito reservara daquela dous millóns de euros para o novo concello e negociara coa Xunta a construción de vivendas de promoción pública co obxectivo de crear un núcleo urbano no que estivesen centralizados todos os servizos.

“Barcia lamenta que os plans de futuro de Mos ‘quedaran desbaratados trala chegada de Nidia Arévalo ao poder, de forma fraudulenta, coa axuda dun tránsfuga”

Barcia lamenta que os plans de futuro de Mos “quedaran desbaratados trala chegada de Nidia Arévalo ao poder, de forma fraudulenta, coa axuda dun tránsfuga”. Traslado da capital municipal Máis alá das fotos e as mensaxes propagandísticas, a opacidade en torno ao proxecto é máxima. A directiva da Comunidade de Montes da parroquia de Mos pretende ofrecer uns terreos na contorna do Pazo para a nova casa consistorial, pero o PP aínda non aclarou cales son as súas intencións.

O BNG xa anunciou a súa oposición ao traslado da capital municipal, ao entender que a construción dun edificio administrativo suporía unha degradación do núcleo histórico da Rúa, alén de ir en contra do propio ordenamento urbanístico aprobado polo goberno de Nidia Arévalo hai menos de catro anos. Por outra parte, Gustavo Barcia entende que “toda a veciñanza debería ser partícipe dunha decisión deste calado”.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!