BNG Mos acusa de censura ao goberno municipal

Pola súa campaña en defensa da Sanidade Pública

Mos/BNG | O pasado mes de febreiro, o BNG de Mos solicitou permiso para colocar uns paneis informativos nos farois da Avenida do Rebullón, entre a entrada ao Centro Social As Pedriñas e a rotonda dos bois de Puxeiros.

Tratábase dunha campaña de apoio á Sanidade Pública e a súa duración limitaríase a un período dun mes, pero o goberno do PP denegou a autorización apelando, de maneira inadecuada, á Ordenanza Municipal de Publicidade Exterior.

O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, considera que está decisión supón “unha vulneración da liberdade de expresión” e lembra que, de acordo coa propia normativa municipal, “as actividades de interese xeral non lucrativas están exentas da prohibición de pendurar carteis nos postes do alumeado”.

No documento de alegacións presentado polo BNG indícase ademais que, de acordo cos antecedentes xudiciais, un cartel de carácter reivindicativo non pode considerarse en ningún caso elemento publicitario. Neste sentido, Gustavo Barcia lembra que “un xulgado condenou xa ao Concello tras sancionar á comunidade de montes de Tameiga, apelando á mesma ordenanza, por colocar unha pancarta reivindicativa”.

Sinala, por outra parte, que “abonda con dar unha volta polo municipio para ver como hai ducias de carteis publicitarios pendurados nos farois sen que o Concello faga nada” e engade, ironicamente, que “a diferenza debe ser que dende o BNG pedimos autorización”.

Motivacións políticas
Para o concelleiro nacionalista, os impedimentos para poñer en marcha esta campaña responden unicamente a motivacións políticas. Na súa opinión, “o PP de Nidia Arévalo non considera que a defensa da sanidade pública sexa algo de interese xeral, pola contra non ten problemas en dar todo o apoio institucional e de partido a un empresario que quere especular co monte veciñal, esas son as súas prioridades”.

Denuncia o “desprezo total pola lei e as decisións xudiciais” que exhibe o goberno municipal e lamenta, neste caso, as trabas que se lle poñen a unha campaña de interese xeral.

“Dende o BNG témolo claro: a nosa prioridade é a defensa da sanidade pública e dos servizos públicos, poñendo recursos e apoiando ao persoal sanitario nas rúas reivindicacións”, indica Gustavo Barcia.

Outros artigos