BNG Mondariz Balneario insta ao Concello a atallar o “calamitoso” estado do arborado municipal

Convocou a un pleno extraordinario
O BNG denuncia a “desidia” do PP co arborado municipal.

Mondariz Balneario/BNG | O BNG de Mondariz Balneario denuncia a desidia do PP ao non convocar a comisión de investigación sobre a caída da árbore que levou por diante a vida dunha veciña mentres decorría un evento cultural organizado polo concello.

Cinco meses despois do fatal suceso nos xardíns do Gran Hotel nada mudou no Concello Mondariz Balneario, o risco de que un acontecemento como aquel volte suceder segue estando vixente.

A única medida tomada polo concello foi a de tallar parte das emblemáticas árbores do municipio, mais sen ningunha medida dirixida a reconducir o maltrato e as malas praxes no mantemento do arborado municipal, polo que a degradación sobre os restantes segue sendo unha realidade e o risco de que colapsen segue incrementándose cada día que pasa.

Trala convocatoria dun pleno extraordinario a solicitude do grupo municipal do BNG no que, por unanimidade da corporación, se acordou a constitución dunha comisión de investigación, Jose antonio Lorenzo soamente convocou unha das tres xuntanzas acordadas.

Colle lembrar que esta comisión recollía a participación de todas as partes implicadas no sucedido co obxectivo de clarexar responsabilidades, elaborar un documento conclusivo do que sacar ideas para mellorar a seguridade da nosa vila, elaborar protocolos para o mantemento do arborado e, a fin de contas, devolverlle a tranquilidade á veciñanza e ás persoas que visitan a vila.

A día de hoxe non se elaborou ditame algún, polo que de nada serviu o acordo plenario e a situación segue sendo a mesma que antes do suceso, co risco que isto supón para as persoas que desfrutan do entorno privilexiado que constitúe a vila balnearia.

Desgraciadamente, tanto o grupo municipal do BNG en Mondariz Balneario coma as veciñas e veciños, están afeitos a vivir situacións de desprezo por parte do rexedor municipal e os seus concelleiros, que incumpren de xeito reiterado os acordos plenarios. Mais non por iso deixaremos de denunciar as prácticas antidemocráticas e de baixeza moral deste goberno que, ante situacións de máxima gravidade, como a que estamos a tratar nesta comisión de investigación, tentan ocultar a súa responsabilidade, desacreditando a existencia da mesma e impedindo o seu normal desenvolvemento para que as partes implicadas poidan dar conta do sucedido.

Dende o BNG esiximos unha vez mais a convocatoria das xuntanzas da comisión de investigación e a inmediata toma de medidas para reconducir o calamitoso estado no que se atopa boa parte do arborado municipal.