BNG leva a Bruxelas o “espolio” das eólicas en Galicia

Con dúas mocións na asemblea da Alianza Libre Europea
A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda.

Bruxelas/BNG | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, participan na Asemblea Xeral da Alianza Libre Europea, que se celebra hoxe e maña en Bruxelas, en representación do Bloque.

Nesta asemblea a ALE celebra 40 anos de existencia, reunindo a diferentes partidos nacionalistas, rexionalistas e minorías de diversos pobos e nacións sen estado de Europa.

Segundo destaca Ana Miranda, a asemblea xeral da ALE celébrase nun “momento crucial” despois da pandemia e no contexto do debate da Conferencia do futuro de Europa, na que os partidos soberanistas están reclamando un mecanismo para poder exercitar o dereito a autodeterminación.

A asemblea desenvolverase a través de diversos apartados, un dos cales será o debate en pleno no que van ser tomadas en consideración dúas mocións presentadas polo BNG, unha sobre a ameaza dos parques eólicos en Galiza e a outra sobre a estafa dos prezos abusivos na electricidade.

Estes dous documentos serán defendidos por Ana Miranda o venres pola mañá no plenario da asemblea xeral da formación europea. Ademais, o presidente da Fundación Galiza Sempre Rubén Cela participará no plenario da Fundación Maurits Coopieters, a fundación europea na que está integrada a Fundación Galiza Sempre, que leva o nome dun dos eurodeputados flamengos.

“As organizacións políticas que conformamos a ALE defendemos o dereito a decidir dos pobos e a construción dunha Europa no que se respecte o dereito á autodeterminación”, salienta Ana Miranda.

A Alianza Libre Europea é unha organización creada en 1981 e integrada actualmente por 47 partidos políticos de diferentes pobos de nacións sen estado europeas.

Repaso aos procesos electorais desde 2019
Por outro lado, a asemblea da ALE fará un repaso aos diversos procesos electorais que se celebraron dende as eleccións europeas de maio de 2019, con especial consideración ao avance de partidos membros como o BNG, como esperanza de transformación en diversas nacións europeas.

Outros artigos