BNG esixe ‘comunicación eficaz’ entre A Guarda e Caminha

Levou esta petición a pleno municipal

A Guarda/BNG | O BNG levará ao Pleno do Concello da Guarda a demanda dunha comunicación eficaz entre A Guarda e Caminha. Os nacionalistas teñen presentado senllas propostas no mesmo sentido no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego.

A proposta do BNG considera que o “ferry” que une A Guarda con Caminha fai anos que quedou obsoleto. Argumentan os nacionalistas que se trata dunha embarcación anticuada que precisa dun calado para navegar que o rio non ten. Esta realidade -manifestan- condiciona uns horarios que veñen determinados polas mareas o que impide ter frecuencias regulares e estruturadas.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz manifestou: “recuperar dun xeito eficaz a comunicación con Caminha resulta fundamental para nós. Precisamos dun compromiso entre o goberno do Estado Español, o goberno Portugués e a Xunta de Galiza para dotarnos dun transporte eficaz e sostíbel para as dúas beiras do Miño que abra portas a Constitución da Eurocidade A Guarda- Caminha”.

O nacionalista acabou concluíndo “Non podemos conformarnos con un ferry que xa non cumpre as expectativas mínimas para a poboación dos dous lados do rio e aínda que no inmediato é preciso que se repare o pantalán entendemos que a Guarda debe ter unha proposta de futuro moito máis ambiciosa que nos permita unha mobilidade con Caminha con frecuencias regulares e estruturadas na que se combinen distintas modalidades de transporte público”.