BNG denuncia opacidade da Xunta nos proxectos eólicos en Redondela e Pazos de Borbén

Advirte dunha proposta en trámite para instalar dez muíños en ambos concellos
A forza nacionalista realizou un encontro informativo na parroquia redondelá de Reboreda.

Redondela | O Bloque Nacionalista Galego denuncia a continua opacidade que rodea os proxectos de parques eólicos que a Xunta planea sobre terreos dos concellos de Redondela e Pazos de Borbén.

A forza nacionalista realizou un encontro informativo este domingo na parroquia de Reboreda para trasladar á veciñanza o risco de que se instalen muíños na contorna que poden alcanzar o dobre de altura dos construídos ata o momento.

No acto estivo presente a deputada no Parlamento de Galiza, Alexandra Fernández, que criticou as políticas do PP na Xunta por poñer de forma reiterada os montes galegos ao servizo das multinacionais enerxéticas malia os elevados impactos ambientais e o nulo retorno que teñen estes proxectos para os concellos afectados.

Fernández alertou de que o 75% do monte galego é susceptible de ser ocupado, con especial incidencia na dorsal atlántica, por polígonos con xeradores dun “tamaño similar ao das piares da ponte de Rande”.

A deputada do BNG defendeu que a aposta polas enerxías verdes debe “estar consensuada en función das necesidades sociais e medioambientais”, un modelo que contrapuxo ao actual onde os intereses empresariais decantan as decisións do Goberno galego.

Fernández chamou a afondar en políticas que aúnen un futuro sostíbel coas necesidades das galegas e galegos. “Galiza xa goza dunha situación de transición á enerxía verde”, asegurou, fixando nese sentido a ampliación da Rede Natura como un dos obxectivos.

Pola súa banda, a concelleira do BNG de Redondela, Jéssica García, interveu para explicar a escasa información que a Xunta fixo pública polo momento sobre os parques que se estudan na contorna, así como as dificultades que pon para acceder a máis datos sobre os mesmos.

García avisou dunha proposta en trámite para instalar dous muíños de ata 170 metros na parroquia de Reboreda e outros oito en terreos de Pazos de Borbén. “En calquera momento poden saír a exposición pública, pero nin PP nin PSOE teñen interese en facilitar información”, subliñou García, que adiantou que se presentarán alegacións en caso de que a Xunta decida finalmente autorizalos.

A estes viría a se sumar outro de menor entidade nos montes de Ventosela, pero cun mesmo impacto negativo tanto sobre a flora e a fauna como o patrimonio arqueolóxico de montes tanto de Soutomaior como dos municipios anteriormente citados. Desde a organización nacionalista puxeron sobre aviso ante os continuos contactos que as grandes empresas do sector da enerxía manteñen con comunidades de montes da zona para prometer elevadas sumas, mais restando importancia aos graves efectos que poden ter sobre os entornos naturais.

Falou tamén o concelleiro da forza nacionalista de Baiona, Iago Pereira, para expoñer a estratexia da Xunta co fin de xustificar as concesións, troceando grandes polígonos eólicos en outros de menores dimensións para reducir o seu teórico impacto. Pereira trasladou o compromiso do BNG para facer fronte a estes proxectos mediante recursos administrativos ante o Goberno galego e acompañando as mobilizacións sociais nos concellos afectados.