BNG Baiona rexeita a creación dun xornal municipal

Descoñecían a súa creación e amósanse desconformes co gasto e contido

Baiona/BNG | Iago Pereira, portavoz do BNG e membro do goberno do Concello de Baiona, ven de declarar o descoñecemento que tiña da tirada do xornal municipal: “Tiñamos un total descoñecemento de que se estaba a crear un xornal municipal. Ninguén nos comunicou nada. A pesares de dar conta de parte do traballo feito pola Concellaría de Igualdade, dirixida polo B.N.G.”

O Bloque Nacionalista Galego en Baiona ven de amosar o rexeitamento a que se gasten cartos da veciñanza de Baiona na edición e reparto dunha especie de xornal municipal. Unha serie de 24 follas nas que non figura quen edita, dirixe, redacta e nen tan sequera a quen dirixirse para comunicar co suposto xornal.

A parte de todos estes defectos técnicos, xurídicos e administrativos, engadir que adícase unha folla a unha “Carta do Alcalde” e outra, encabezada como “Entrevista”, que non é máis que unha entrevista ao Alcalde de Baiona, o señor Carlos Gómez.

“A pesares de non estar dacordo coa edición de esta especie de xornal, entendemos que, de facelo, deberan ter o seu espazo correspondente todos os grupos municipais con representación no Plenario do Concello de Baiona xa que somos a representación institucional e política de toda a veciñanza”, rematou o voceiro nacionalista.