BNG A Guarda urxe melloras no centro de saúde

Para ambulancias e persoas con mobilidade reducida

A Guarda/BNG | O BNG ten contrastado cos condutores de ambulancias e con persoas con mobilidade reducida as deficiencias que presenta a entrada do centro de saúde da Guarda ao carecer de acceso para vehículos.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz considera que “darlle unha solución ao problema que presenta este acceso é unha cuestión de vontade política.

Trátase de que as ambulancias e as persoas con mobilidade reducida teñan a posibilidade de chegar ata a porta do Centro”.

Anxo Baz, considera que “a obra que compre facer é moi simple e consiste nun acceso para que estes vehículos podan chegar á porta sen necesidade de facer manobras xa que o espazo que hai diante do centro permite facer unha vía con entrada e saída ”.

Os nacionalistas veñen de presentar esta proposta no Pleno do Concello para que se tramite diante da Consellaría de Sanidade ao mesmo tempo que van presentar unha proposta no mesmo sentido no Parlamento Galego.

Anxo Baz rematou concluíndo “resulta lamentábel que tanto a Xunta de Galiza que está facendo obras no acceso ao Centro de Saúde como o Grupo de Goberno Socialista da Guarda que tivo que dar licenza para a realización destas obras non contemplaran esta intervención”.