BNG A Guarda reclama ao Alcalde “resposta urxente” sobre a renovación da rúa Salgueiro

Pediu a separación de augas pluviais e fecais na obra que está a realizarse

A Guarda/BNG | O BNG reclámalle ao Alcalde da Guarda do PP Roberto Carrero, a separación de pluviais e fecais na obra de renovación do firme da rúa Salgueiró en Camposancos.

O Portavoz do BNG no Concello da Guarda, Anxo Baz, manifestou “modificar o pavimento dunha rúa sen preocuparse de algo tan elemental como é a separación das pluviais e as fecais evidencia a falta de criterio de quen o fai”.

Baz resaltou “é aínda máis preocupante que a pesar da insistencia da Presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos e do vecindario, que desde o primeiro momento reclamaron a separación das pluviais e das fecais, o Alcalde da Guarda fora incapaz de dar unha solución satisfactoria a esta intervención, cando ademais é coñecedor de que nas épocas de choiva forte, as arquetas das fecais levántanse e verten directamente os residuos á rúa”.