BNG A Guarda recibe unha delegación a ALE

Con vistas a por en marcha a Eurocidade con Caminha

A Guarda/BNG | Na tarde de onte, Anxo Baz, acompañado do grupo municipal do BNG da Guarda e da Presidenta da ELM de Camposancos, recibiron unha delegación integrada por eurodeputadas e eurodeputados do grupo da Alianza Libre Europea (ALE) na Eurocámara que se atopan de visita en Galiza.

O portavoz nacionalista na Guarda, escolleu o monte Trega para recibir a delegación europea e co rio de fondo trasladoulles aos representantes europeos a necesidade dunha comunicación eficaz e sostíbel con Caminha que sería un alicerce fundamental para a posta en marcha da Eurocidade entre as localidades miñotas.

Pola súa parte a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, recolleu a proposta e comprometeuse a trasladar á institución europea a demanda guardesa que considerou fundamental para profundar na cooperación transfronteiriza.

Rematada a visita ao Trega dirixíronse ao Porto da Guarda e asistiron a un encontro coa Asociación de Redeiras Atalaia onde comprobaron en que consiste o seu traballo artesanal e escoitaron as demandas deste colectivo.